Só un cinco por cento dos menores de 25 anos non entra a diario en internet, segundo un estudo de Panda Security.
O 95 por cento da mocidade do Estado Español de entre 18 e 25 anos conéctase a diario á internet, segundo un estudo da compañía Panda Security. A enquisa, efectuada entre máis de cinco mil persoas, amosa que case a metade pasa entre catro e seis horas navegando.
Practicamente todos os internautas desa idade conéctanse á rede dende o fogar (o 97%), mentres que hai un 32 por cento que o fai na universidade e un 29 dende o traballo. Tamén o 97 por cento usa a internet para buscar información. O seguinte uso máis habitual é participar en redes sociais (68%), mercar (61%), ler prensa (47%), facer transaccións bancarias (39%) e xogar (34%).
Como acontece co público en xeral, as compras máis habituais están relacionadas coas viaxes e coas entradas de espectáculos.