A compañía Ciena anuncia que a técnica que permitirá esta velocidade xa se poderá comercializar no ano 2011.
Unha empresa estadounidense acaba de desenvolver unha tecnoloxía de fibra óptica que permitirá multiplicar por 10 a velocidade máxima de transmisión de datos na internet. Ciena asegura que se poden acadar até 100 xigabits por segundo. A nova técnica podería estar implantada no mercado a mediados de 2011.
Segundo a compañía, en 12 horas poderíase transmitir a información de 125 mil DVD ou os contidos completos da Biblioteca do Congreso dos EUA. Ademais, o incremento da capacidade das liñas contribuiría a evitar que a rede se sature, debido ao aumento constante do volume de descargas, con contidos como o vídeo de alta definición, a popularización das redes sociais e o intercambio de arquivos.
Outro efecto positivo da nova tecnoloxía será o abaratamento das conexións, pois calcúlase que a transmisión de información a máis velocidade fará que o bit por segundo custe un 30% menos que até agora.