O PPdeG destaca a súa iniciativa para reducir o tempo de resposta e simplificación de trámites administrativos para o apoio aos emprededores.
De "inaudita tendencia ao luxo" volveu acusar este luns o presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, aos actuais equipos de PSOE e BNG na Xunta de Galicia. Segundo o líder do PP en Galiza, o seu partido será capaz de mellorar a coordinación do Goberno mesmo "reducindo até nun 30% o número de asesores". Un plan de "austeridade" que, en palabras de Feijoo, permitirá aforrar até 100 millóns de euros e incluirá "un recorte da administración paralela creada por Touriño e Quintana, con moitos novos organismos de nova creación e dubidosa xustificación".
Así o expuxo Núñez Feijoo durante a súa intervención en Madrid no Fórum Europa, onde falou da existencia de "características propias" da crise económica e política en Galiza, acusando a socialistas e nacionalistas de trasladaren "as súas diferenzas históricas á Xunta". Exemplificou a situación o líder do PpdeG na presentación que presidente e vicepresidente da Xunta fixeron "cada un deles polo seu lado, dos seus propios plans contra a crise económica, cos seus conselleiros reunidos por separado".
Segundo o líder do PP galego, o incremento da eficacia da estrutura actual do Goberno que promete o seu partido, permitiría axiña resultados prácticos no ámbito da axuda aos emprendedores en particular, "para que deixen de vérense abocados a un auténtico camiño de Santiago polos diferentes departamentos para conseguiren licenzas, permisos ou axudas". Un plan que, asegurou Feijoo, incluirá a redución do número de consellarías e a mellora na introdución das novas tecnoloxías na administración.
Plan de axuda ao comercio
Na mesma xornada, pero desta volta en Lugo, o PP mantivo un encontro con representantes da Federación Galega de Comercio, diante dos cales comprometeu a posta en marcha dun "plan anticrise". Un conxunto de iniciativas que segundo os populares basearíase en tres eixos: poñer a disposición dos comerciantes "produtos financeiros acaídos, incluíndo unha liña específica de créditos brandos e flexíbeis"; un programa para mellorar a cualificación profesional dos traballadores do comercio; e unha liña de axudas para a reforma dos estabelecementos.