Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
HOMENAXE A ROBERT BURNS

Escocia celebra os 250 anos do seu 'poeta nacional'

O nacemento do escritor conmemórase en todo o planeta e está considerado a segunda festa máis importante da nación escocesa.

Redacción - 19:30 26/01/2009

Escocia encetou esta semana un conxunto de actos destinados a homenaxear e estender o coñecemento, dentro e fóra das súas fronteiras, de Robert Burns. O escritor, considerado o seu 'poeta nacional', e valorado en todo o mundo como un dos pioneiros do Romanticismo, naceu o 25 de xaneiro de 1759, hai 250 anos. Ao longo de todo o 2009 Burns será o protagonista de feiras do libro, xornadas de investigación e homenaxes, por exemplo na Feira Internacional do Libro de Edimburgo, que se celebra en agosto, e que nesta ocasión estará centrado na 'identidade' e no propio Burns e a ilustración escocesa.

Robert Burns morreu moi novo, con apenas 37 anos, pero é recoñecido en todo o mundo, e de feito era o poeta favorito de Abraham Lincolm. Hoxendía o aniversario do seu nacemento celébrase en todo o planeta e, por suposto, en Escocia, onde  está considerada unha caste de 'segunda festa nacional', e de feito case se pode dicir que ten máis seguimento que o propio día de Santo André. Os 25 de xaneiro tómase a denominada 'Cea de Robert Burns', na que o prato principal é o haggis (unha especie de botelo), e na que o whisky, os poemas e o baile tamén son protagonistas. As ceas péchanse coa canción Auld Lang Syne, un nostálxico poema de Burns que se canta en aninovo en todos os países anglosaxóns.

Burns naceu nunha familia humilde, de labregos. Esa orixe influíu no carácter popular dos seus poemas, que anticiparon o romanticismo. A súa obra ten unha ideoloxía republicana e progresista e incidía na identidade do pobo escocés, o anticlericalismo, e as desigualdades entre clases. As homenaxes que se lle renden este ano inscríbense no movemento de construción nacional e de camiño cara á independencia que o SNP, o partido que rexe o goberno escocés, quere propiciar en 2010 coa celebración dun referendo de autodeterminación.

Auld Lang Syne (fragmento)
Should auld acquaintance be forgot,
And never brought to mind?
Should auld acquaintance be forgot,
And auld lang syne?

For auld lang syne, my jo,
For auld lang syne,
We'll tak a cup o' kindness yet,
For auld lang syne.


5/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: