O lateral vigués analizou a situación actual do equipo, o camiño andado até o de agora e as súas perspectivas de futuro.
Roberto Lago asinando un autógrafo a unha seareira
Vieiros falou con Roberto Lago antes da súa visita ao campo do Xerez, de onde o Celta pode saír en posicións de ascenso directo á primeira división. Con só 23 anos, o vigués cumpre o seu segundo ano no primeiro equipo e xa está consolidado como o lateral esquerdo do Celta e da selección.
Como ves ao equipo a esta altura de tempada, xa metido na loita cos de arriba?
A situación é moi boa e afrontamos o próximo partido con moitas ganas.
A que pensas que se puido deber o mal inicio de ano que experimentou o equipo?
Chegamos moitos novos. Todos tivemos que poñer da nosa parte para axudar a facer o grupo e, aínda que tardamos un pouco, a cousa rematou por funcionar.
Chegou a haber momentos de fraqueza dentro do grupo?
O equipo estivo ben mentalmente. Tivemos derrotas pero erguémonos ben e conseguimos seguir medrando até chegar aos postos de arriba. Agora hai que ser humilde e seguir pensando partido a partido.
Agora mesmo ves ao equipo loitando polo ascenso a final de tempada?
Queda toda unha segunda volta e sabemos que se non apertamos non imos acadar nada. Agora hai que pensar no seguinte partido.
Con medio campionato disputado, que equipos ves con máis opcións de loitar polo ascenso?
Vai influír moito a amplitude dos cadros de xogadores. Nós somos un equipo moi completo e iso dános máis opcións. Vemos equipos como Salamanca, Xerez ou Castellón que poden perder folgos co paso dos partidos. Mais todo son especulacións, o que está claro é que aquí perdes dous partidos e baixas, mais despois volves a gañalos e estás arriba.
Agora os xogadores da canteira tendes un peso importante no equipo. Non tes medo de que se conseguides sacar ao equipo desta situación volvades a perder o voso papel protagonista?
Non, a filosofía do club é subir un xogador da canteira por ano. É importante, non só para nós, senón tamén para o Celta, xa que se nos consolidamos pasamos a ser parte importante do patrimonio de esta entidade. Eu teño claro que se ascendes pode reducirse o teu protagonismo no equipo, pero o xeito de evitar iso é facer as cousas ben.
Como afecta ao equipo a baixa afluencia de público que adoita rexitrar Balaídos este ano?
Estamos pasando por unha mala época, con moitos ascensos e descensos. Eu estiven na grada en malas épocas e enténdoos, mais a xente logo se acostuma ao bo. Agora chega un tramo da competición no que necesitamos da nosa afección. Con Balaidos apoiándonos todo é posíbel.