Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
OS SINDICATOS OPINAN

"Ninguén sabe cando vai tocar fondo esta crise"

As forzas sindicais do país agardaban uns datos do desemprego semellantes aos coñecidos este venres e avogan pola toma de decisións atrevidas.

Redacción - 12:20 23/01/2009

Os datos da última Enquisa de Poboación Activa xa non sorprenden a ninguén. Aqueles que traballan diariamente no eido laboral, en contacto directo con empresarios e traballadores, son especialmente pesimistas coas estatísticas que chegan e aínda máis coas que van chegar. Así nolo manifesta Manuel Currás Meira, secretario Confederal de Emprego da CIG: "xa non é unha cuestión da crise financeira, agora o máis problemático é a falta de confianza na xente, é dicir, a preocupación está xa instalada na sociedade e iso vai ser moi difícil de mudar".

Na mesma liña se manifesta Domingo Barros, secretario de Formación e Emprego de UXT-Galicia, que recoñece que "agardaba uns datos aínda peores". Con todo, desconfía da fiabilidade da actual EPA xa que nalgunhas cifras hai unha fenda entre esta información e a ofrecida pola estatística mensual do INE e prefire agardar aos datos do vindeiro trimestre, que xa incluirá máis variábeis para ofrecer unha imaxe máis exacta da nosa realidade laboral.

Até cando?
Cunha taxa de paro instalada no 9,74%, ningún colectivo se atreve a poñer un límite a esta escalada nin unha data na que se vaia tocar fondo. "Non o sabe ninguén", asegura Meira, quen augura un futuro "bastante negro" duns "catro ou cinco anos". No difícil porvir laboral que nos agarda tamén coinciden os demais sindicatos: para o secretario de Emprego e Formación de CCOO, Eusebio Justo "a cousa aínda se vai complicar máis", e dende UXT, Barros augura unhas cifras aínda peores para o primeiro trimestre deste 2009: "se ben as cousas están hoxe moi mal, de todas as crises se acaba saíndo", recorda.

Dende a CIG, Currás Meira propón como medida urxente a nacionalización da banca, xa que "só deste xeito se podería recuperar a confianza na xente e evitar o medo a perder os cartos ou á creba bancaria, ao tempo que poría verdadeiramente o diñeiro no mercado para as empresas, que se están a ver afogadas pola falta de liquidez". Dende a UXT, Domingo Barros, insiste na necesidade de apostar pola innovación: "é necesario cambiar o modelo produtivo e desenvolver o sector do I+D". Pola súa parte, Eusebio Justo incide na importancia de "elaborar políticas de emprego eficientes, que actúen sobre os colectivos que máis se están a ver afectados pola crise".


Ligazóns

3,4/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: