"Se hoxe me presento á Presidencia da Xunta é para que os meus paisanos, os ourensáns, non teñan que volver deixar a súa terra se non queren", expuxo.
O presidente do PpdeG, Alberto Núñez Feijoo, presentou formalmente as xa coñecidas listas coas que esta formación concorrerá ás eleccións por Ourense e definiu a candidatura como "un gran equipo" caracterizado pola renovación, pero "con suficiente capacidade de traballo e experiencia" para devolver a "ilusión" a esta provincia tras catro anos "estáticos". Acompañado polo presidente do PP en Ourense, Xosé Luís Baltar, evocou a súa experiencia persoal ao recordar que anos atrás tivo que saír de Ourense á "procura de oportunidades".
"Se hoxe me presento á Presidencia da Xunta é para que os meus paisanos, os ourensáns, non teñan que volver deixar a súa terra se non queren", expuxo, afirmando apostar por retomar "o camiño da modernización e do dinamismo". Do equipo que conforma a candidatura do PPdeG por Ourense, Feijoo subliñou que algúns deles entran en política por primeira vez "porque cren neste proxecto" aínda que matizou que ningún deles "distraerá esforzos" en ningunha outra cousa que non sexa o progreso de Ourense e de Galiza. "Creo que acertamos", resumiu respecto da configuración das listas.
En concreto, admitiu que a elección de Luís Carrera como número 1 da candidatura provocou reaccións de "sorpresa inicial", pero subliñou que "a súa formación e a súa experiencia fan que el non supoña algo imprevisíbel nin para o partido nin para a provincia. "É un valor seguro e unha garantía para Ourense fronte á crise", resaltou. "Aínda que é un inexperto en política, é un acreditado xestor; un dos mellores xestores económicos que deu a historia recente de Ourense". "A súa experiencia cos autónomos e pequenas e medianas empresas será moi útil para todos os cidadáns de Ourense", resumiu.
Sobre o mesmo tema, o líder do PP ourensán, Xosé Luís Baltar, cualificou á candidatura popular de "ilusionante" e asegurou que "funcionou a renovación, que foi superior ao 50%". "Non se fixo unha candidatura coas vellas glorias na parte de arriba con posto asegurado, senón que se puxo aos novos arriba para que xeren ilusión", expuxo.