Ademais, regresa a extensión santiaguesa do Festival Sinsal co concerto do californiano Jeremy Jay.
O Salón Teatro de Santiago enfronta un novo período de programación trimestral co teatro e o novo circo como grandes protagonistas. Así, durante o mes de febreiro o Salón Teatro acollerá a primeira edición do ciclo "Circo en Escena", unha iniciativa pioneira en Galicia que ofrecerá aos afeccionados ao xénero a oportunidade de gozar de diferentes propostas que se están a representar dentro dos festivais e programacións máis prestixiosas do mundo, como é o caso do Jeunes Talents Cirque Europe. Un total de catro compañías procedentes de Galicia, Andalucía, Portugal e Francia amosarán a fusión do novo circo con diferentes disciplinas artísticas (como son a danza ou o teatro), diversificando as formas de expresión e a súa linguaxe.
"Circo en escena" comezará os días 5 e 6 de febreiro coa compañía andaluza Varuma Teatro, que escenificará a peza Malgama. Seguirán nas próximas xornadas as representacións da compañía portuguesa O Último Momento coa montaxe Contigo (días 7 e 8). Os días 14 e 15, a compañía galega Maquinaria Pesada debutará coa estrea do espectáculo de clown As vingadoras o novo proxecto en común das actrices galegas Marian Bañobre e Isabel Risco baseado na serie televisiva inglesa dos anos sesenta Os vingadores. Finalmente, os franceses Ieto pecharán os días 19 e 20 este ciclo co espectáculo homónimo, premiado no festival Jeunes Talents Cirque Europe 2008.
Regresa Sinsal con Jeremy Jay
A oferta de espectáculos prevista pola dirección do CDG para o Salón Teatro complétase coa Extensión do Festival Sinsal. En Compostela ofrecerá o domingo 22 de febreiro ás 22.00 horas a actuación do californiano Jeremy Jay, que coa súa particular e emotiva voz presentará o seu disco debut A Place Where We Could Go.
'As Dunas', un 'dream team' do teatro galego
O calendario de actividades dará paso a partir do 6 de marzo e até o día 5 de abril a cinco funcións semanais (de mércores a domingo) da montaxe As dunas, a segunda produción propia do CDG para a actual temporada. O texto, escrito ad hoc por Manuel Lourenzo como resultado do proxecto de dramaturxia residente, será representado con Quico Cadaval como director de escena. Os talentos creativos de Lourenzo e Cadaval xúntanse nesta nova proposta, á que ambos se refiren como "un cabaré sobre o paraíso perdido". A obra foi concibida como unha viaxe pola mariña luguesa da man dunha tropa estrafalaria composta por músicos, danzantes e cantores que, concentrados nunha vella nave industrial en desuso, están a ensaiar números musicais para un spa que vai ser a revolución da zona.