Entre o xoves e o venres, expertos internacionais debaterán en Compostela sobre as estruturas culturais e a súa importancia social e económica.
No encontro presentaranse distintas experiencias no ámbito da xestión cultural, así como exemplos de arquitectura cultural, iniciativas do Eixo Atlántico, redes de cooperación e estruturas de distribución cultural. Segundo explicou a conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, o obxectivo é facer visíbel o labor do sector cultural como "factor de desenvolvemento económico, da sociedade da información e como xerador de identidade". Así mesmo, Bugallo quixo ligar a celebración destas xornadas no noso país coa Cidade da Cultura: amosouse "convencida" de que o debate se poderá "aproveitar" para "entender as potencialidades" que pode ter o Gaiás "como lugar de cultura".
É precisamente no Gaiás, cunha recepción no edificio do Arquivo Nacional para os participantes, onde comezará este congreso, que concentrará as súas presentacións e debates entre o xoves e o venres no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela. O obxectivo, en palabras de Xaime Subiela, é "valorar a relevancia dos equipamentos culturais no desenvolvemento", facendo fincapé na esfera arquitectónica das novas infraestructuras ao servizo da cultura, como o Centro de Arte de LaLaboral de Xixón ou as Bibliotecas-Parque de Medellín, en Colombia. Presentaránse iniciativas procedentes do Eixo Atlántico, de Nancy (Francia), Sao Paulo, Turín e varias localidades da India.
O congreso divídese en catro eixos temáticos que engloban todos os aspectos que entran en xogo na concepción, deseño e xestión dos equipamentos culturais: SOFT (ideas e proxectos), HARD (arquitectura para a cultura), ORG (organización do traballo) e NET (redes de cooperación).
Entre os expertos participantes destacan Robert Palmer (director de Cultura e Patrimonio Cultural e Natural do Consello de Europa), María Rosario Jackson, Teresa Malo de Molina (ex directora técnica da Biblioteca Nacional de Madrid), Jorge Melguizo Posada, secretario de Cultura Cidadá da Alcaldía de Medellín, M. Berlemont (director de Relacións Internacionais de Nancy), Enrico Bertacchini (Universidade de Torino), Yudhishthir Raj Isar (Universidade Americana de París), ou George Yúdice (Universidade de Miami).
Consulta aquí o programa do Congreso