Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
XOGA DOUS PARTIDOS FÓRA

O Celta leva de viaxe o seu arrecendo a ascenso

Os futbolistas que adestra Pepe Murcia queren prolongar o excelente momento de forma que están a vivir.

Redacción - 12:09 20/01/2009
Oubiña ten cada vez un peso maior dentro do equipo

Oubiña ten cada vez un peso maior dentro do equipo

Esta semana vai permitir ao afeccionado celeste calibrar o potencial real do seu equipo, que ten dous difíciles partidos fóra da casa fronte Murcia e Xerez. Se acadan uns bos resultados nestes encontros, os vigueses poderían colocarse por primeira vez na tempada en posicións que dan dereito ao ascenso de categoría. Agora todo son sorrisos na Madroa onde antes eran nervios e por iso Vieiros quixo analizar as claves da espectacular melloría do equipo ca gran revelación desta tempada, o interior Dani Abalo.

O equipo vigués comezou acadando un único punto dos 12 primeiros, mais isto non mudou o discurso nin o xeito de traballar polo que apostaron xogadores e corpo técnico, baseado principalmente na paciencia. Abalo atribúe a mala xeira inicial á "mala sorte de cara ao gol", e cando lle preguntamos pola mudanza que permitiu a recuperación non ten dúbidas en afirmar que esta consistiu simplemente en que "comezara a entrar o balón".

Un tema do que se fala moito en Vigo é a baixa afluencia de público que rexistrou Balaidos nos últimos encontros. Abalo di que "fomos nós os que fixemos que deixaran de vir por mor dos malos resultados" e amósase optimista, xa que segundo el "a afección está vindo cada vez máis, e isto aínda debe seguir mellorando".

Malia que o Celta podería colocarse en postos de ascenso se gaña ao Murcia este mércores, Dani Abalo é partidario de ir "partido a partido". Neste encontro atrasado, correspondente á xornada 17 da segunda división, os vigueses enfróntanse a un dos equipos con maior presuposto da categoría, que acaba de deixar os postos de descenso tras encadear tres vitorias seguidas. Se gaña, o Celta podería subir até a segunda posición, empatado a puntos co Xerez, que é actualmente o líder da categoría. Esta situación fai que o Celta poida volver o domingo para Vigo como líder en solitario , xa que no encontro correspondente á 21ª xornada visita ao Xerez.

Abalo recoñece que se trata de dous partidos difíciles, mais anímase a dicir que "se xogamos como o fixemos até agora vai ser moi difícil que nos gañen". O vilagarcián non quere pensar aínda no ascenso, obxectivo polo que ve loitando a equipos como "Zaragoza, por suposto, e Real Sociedad, Hércules, Xerez ou incluso o Castellón". Abalo afronta con só 21 anos un novo reto na súa meteórica progresión, ca intención de axudar a un Celta que avanza embalado cara ao ascenso.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: