Extinguido o primeiro hai 11 mil anos e en 1936 o segundo, son exemplo de dez animais desaparecidos do planeta con posibilidade de seren recuperados.
Mesmo o tigre dentes de sabre, habitual de filmes ou cómics, podería ser recuperábel
A pé destas liñas poden ver unha estampa que recrea o Gliptodonte ou "Dente de Pedra", un mamífero que corricaba ao seu xeito polo planeta até hai 11 mil anos. Os científicos vencéllano co actual "Armadillo". Ben é certo que se estes acostuman ser animais de apenas tres quilogramos de peso, o antergo deles era un xigante de tres metros e un peso medio de máis dunha tonelada, cun aquel morfolóxico ao vehículo popularmente coñecido como "Escaravello".
É un dos animais que os investigadores consideran que, despois da súa extinción hai séculos, podería recuperarse para o planeta. Unha interesante reportaxe da revista New Scientist analiza esta especulación e fai unha lista coas dez especies extintas que máis posibilidades terían de volver pisar o mundo. Os principais criterios en xogo son a existencia de mostras ben conservadas de ADN, a miúdo debido a corpos dos animais que quedaron conxelados en zonas de baixísimas temperaturas e a existencia na actualidade de especies parecidas susceptíbeis de desenvolveren o embrión.
A lista inclúe ademais o tigre de tasmania, cuxo derradeiro exemplar morreu en cautividade, nun zoolóxico, en 1936. Tamén por exemplo o rinoceronte laúdo ou o oso de cara corta, animal este último até tres veces maior que os actuais osos polares e desaparecidos hai 11 mil anos. Mesmo o tigre dentes de sabre aparece na lista. Iso si, advirten os científicos de que alén de que a fiestra ao futuro permanece aberta para especies de hai algúns milleiros de anos, non sería posíbel revivir especies como os dinosaurios, desaparecidas hai millóns de anos.