Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
MANUEL PENA

“Estamos ante unha das mellores xeracións do xadrez galego”

Este vigués acaba de proclamarse subcampión estatal de partida rápida, e agora traballa para conseguir o título de Gran Mestre Internacional.

Pablo García Martínez - 14:20 17/01/2009
Manuel Pena, cunha camisola negra, durante a disputa do campionato estatal de partida rápida / Foto: DUvi

Manuel Pena, cunha camisola negra, durante a disputa do campionato estatal de partida rápida / Foto: DUvi

Cando elixiu o xadrez como parche para a hora morta que tiña entre o monte de actividades que hoxe en día se superpoñen sobre o tempo de lecer dos mozos e mozas, Manuel Pena non imaxinaba a importancia que remataría tendo na súa vida. O parche converteuse, co tempo, na maior das súas afeccións, e hoxe atópase cos seus estudos de Dirección e Administración de Empresas parados, centrado en ser o segundo galego que acada o título de Gran Mestre Internacional. Polo momento, con só 20 anos, xa foi o décimo galego da historia en conseguir o título de Gran Mestre e, ademais doutros premios apañados cos seus compañeiros da UVigo. No pasado mes de decembro proclamouse subcampión estatal de partida rápida.

Vieiros: Como comezaches a xogar ao xadrez?

Manuel Pena: Comecei co xadrez como unha actividade complementaria, xa que xogaba ao fútbol e quedábame aí unha hora morta. Despois déuseme ben e está claro que é máis fácil afeccionarse se comezas gañando algunha partida.

Que aspectos tes que mellorar nesta disciplina para aumentar o teu nivel de xogo?
Hai moitas cousas que tes que dominar. É importante coller experiencia, non só xogando, senón vendo tamén como xogan outros. Despois céntraste en estar preparado para unha serie de situacións que adoitan repetirse e saber como debes actuar ante cada unha delas, ter pensado un plan.

Canto tempo che quita o xadrez cada día, e en que consiste a túa preparación?
Este ano deixei os estudos para conseguir o título de Gran Mestre Internacional, e o ano que vén retomarei a carreira. No que se refire á preparación non é só intelectual, ten que haber tamén unha preparación física. Hai que ter en conta que nunha competición hai varios días nos que tes que estar seis horas sentado nunha cadeira mantendo a concentración.

Consideras o xadrez un deporte discriminado?
Si, pero entendo que o sexa. Para a xente é moi difícil entendelo, pero é lóxico porque a imaxe de dous amigos xogando ao xadrez na cafetería non se corresponde cun deporte. Para min é un deporte cando hai unha certa tensión competitiva.

En que xogador te fixaches máis dende que comezaches?
A miña referencia sempre foi Gari Kasparov, que ademais de ser un dos mellores, era o campión do mundo cando eu comecei.

E a nivel de Galiza, cales son os referentes?
Sen ser presuntuoso, aquí estamos ante unha das mellores xeracións que houbo. Isto é na miña xeración e, sobre todo, a que ven por detrás. Alí están rapaces como Iván Salgado, que con só 17 anos xa é Gran Mestre Internacional e lidera a listaxe mundial da súa idade; ou David Lariño, actual campión estatal absoluto con 18 ou 19 anos.

Que agardas do xadrez para o futuro?
O meu primeiro obxectivo é conseguir o título de Gran Mestre Internacional, despois non penso en ser profesional porque isto non é posíbel. Este é un mundo moi competitivo, onde hai xente moi preparada. Para min é suficiente seguir xogando, viaxar e axudar aos rapaces que veñen por detrás.


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: