Asinado un acordo entre o Coimbra Inovação Parque e o Parque Tecnolóxico de Galiza para se proxectaren a nivel internacional.
O Coimbra Inovação Parque (iParque) e o Parque Tecnolóxico de Galiza (Tecnópole) asinaron un acordo de colaboración este luns na Reitoría da Universidade da cidade portuguesa, que ten por obxectivo a proxección conxunta internacionalmente na área de innovación tecnolóxica.
"O obxectivo é crear alianzas estratéxicas que axuden na internacionalización das empresas, facer intercambios, explorar nichos de mercado novos en países da UE e non só. Aliados, podemos penetrar noutros países", afirmou Salustiano Mato, director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación da Consellaría de Industria.
O presidente do iParque, Norberto Pires sinalou: "Aprender cos outros é unha forma de ser intelixente. Ao estabelecer redes, ofrecemos ás nosas empresas oportunidade de se internacionalizaren moito máis facilmente. E tamén queremos gañar escala". Pires salientou ademais que na Galiza hai unha "identificación cultural" con Portugal.
Ademais da Xunta, participan no proxecto a Câmara Municipal de Coimbra e a Comissão de Coordenação e Desenvolvimento Regional do Centro (CCDRC) de Portugal, coa promoción de iniciativas dinamizadoras da industria a través de actuacións vinculadas co emprendemento, a innovación e a tecnoloxía.