Le Monde cualificou algún dos seus filmes como "a primeira obra mestra en feminino da historia".
O Cineclube de Compostela inicia o 2009 cun mes de xaneiro dedicado en exclusiva á realizadora Chantal Akerman. A mostra recolle desde o primeiro filme da directora, Estoura a miña vila, de 1968, até o segmento Solpor en Shanghai, o último feito pola directora, realizado para o filme O estado do mundo, de 2007. Todas as sesións, ademais, van ser introducidas por Renata Otero, que realiza na actualidade a súa tese sobre Akerman. As proxeccións, como todos os meses, serán todos os mércores a partir do día 14, ás 22:00 horas da noite, no Centro Social O Pichel (Santa Clara, 21).
Chantal Akerman naceu en 1950 en Bruxelas, mais na actualidade reside en París. Con tan só 15 anos, tras ver o filme de Godard Pierrot o tolo, decide ser directora e entra no Institute Supérieur des Arts du Spectacle et Technique de Diffusion. Tres anos máis tarde, realiza a súa curtametraxe Estoura a miña vila. Coñecida polo seu estilo hiperrealista, o seu cinema, baseado en observacións sobre a sexualidade, a identidade e o político, tenta inscribir, nas súas palabras, as "imaxes entre as imaxes". A relevancia internacional chégalle co filme Jeanne Dielman 23, quai du commerce, 1080 Bruxelas que o Le Monde cualificou como "a primeira obra mestra en feminino da historia".
O 14 de Xaneiro, o ciclo arranca coa proxección de Eu-ti-el-ela (Je-tu-il-elle, Franza/Bélxica, 1974, 86', VOSG), a terceira longametraxe de Akerman. Nesta, realizada apenas un ano antes que Jeanne Dielman, Akerman realiza unha reflexión sobre a identidade. Actuando ela propia, mostranos a vida dunha muller que, durante máis dun mes, alimentándose apenas a base de azucre, tenta sobrelevar unha ruptura amorosa. Con este filme proxectaremos tamén Estoura a miña vila (Saute ma ville, Bélxica, 1968, 11'), a súa primeira curtametraxe: un filme pre-punk onde expresa, como adolescente, a súa necesidade de liberación dunha forma explosiva.
A seguinte cuarta-feira, o 23 de Xaneiro, será o turno dunha das últimas longametraxes da autora, Mañá mudámonos (Demain on déménage, Franza/Bélxica, 2004, 110', VOSP). Nela, Chalotte, solteira, escribe libros eróticos por encarga e habita nun total desorde. Mais a morte do seu pai leva a súa nai, profesora de piano, a trasladarse á súa casa cos seus móbeis e os seus alumnos. Con esta personaxe, Akerman, pesimista de vocación, tenta introducir algo de optimismo nos seus filmes, e artella unha traxicomedia con reviravoltas, onde a música serve de nexo entre as xeracións e todo o mundo sorrí arredor dun piano.
Por último, o 30 de Xaneiro o ciclo remata con Novas da casa (News from Home, Franza/Bélxica/RFA, 1977, 85', VOSG), un documentario de observación no que se combinan tomas da cidade de Nova Iorque, principalmente estáticas, coas cartas que Akerman recibe da súa nai en Bélxica. Para alén do desexo dunha nai de ter a filla na casa, non existe ningunha progresión narrativa, de xeito que o filme transcurre como unha observación da paisaxe con ollar "autoetnográfico", influenciado polo cinema estructuralista. Xunta este filme, proxectarase tamén o último realizado pola directora, o fragmento Solpor en Shanghai (Tombée de nuit sur Shanghai, Portugal, 2007, VO sen diálogos), realizado para o filme colectivo O estado do mundo, ideado para a Quincena de Realizadores de Cannes.