Este sábado desenvólvese o I Aberto na cidade, no pavillón do Monte da Mina, en Castrelos.
Sen tregua posíbel, a LNB amosa os puños de novo neste convulso inicio de ano, convertendo, desta volta a cidade de Vigo no centro dun novo envite na dinámica Conferencia Sur. Na mañá do sábado -a partir das 11:00 horas, no pavillón do Monte da Mina, en Castrelos- comezará a xornada billardeira con unha chea de actividades; o aberto de billarda será ás 16:00 horas, após o xantar, e como o seu nome indica, nel poderá participar quen o desexe.
Xa anunciaron a súa participación os Furabolos do Pino, franquicia da Conferencia NorOeste, mais tamén haberá representación dos palanadores e palanadoras da Conferencia NorLeste. Tamén haberá un Torneo de Paláns, que se desenvolverá como o que que popularmente se coñece coma varados, mais desta volta haberá unha serie de billardas postas en semicírculo, e un estilo semellante aos All Stars da NBA. Despois do xantar chegará o aberto, que, segundo contan dende O Varal, prevese multitudinario.
Programa do I Aberto de Billarda de Vigo
O programa foi preparado polo LS Faísca:
11h00: Obradoiro de billarda. Aprendizaxe e adestramento asesorado por expertos palanadores da LNB.
12h00: Concurso de paláns. Espectacular versión, no deporte da billarda, do concurso de triplas do All Stars da NBA. Preparádevos para esta nova modalidade de billardismo extremo que se estrea en Vigo. Hai reservados premios para os gañadores.
14h00: Receso para xantar. Haberá un xantar aberto alí mesmo no pavillón. O menú: fabada (tamén haberá versión para vexetarianos), pan, viño, sobremesa e chupiños, todo por 8 euros. Os que queiran quedar a comer, deben anotarse, canto antes, no correo: zevianagz@gmail.com.
16h00: I Aberto de billarda de Vigo. Puntuábel para a LNB na Liga Regular da Conferencia Sur. Será a hora da competición oficial, e é necesaria exquisita puntualidade. Fontes ben informadas aseguran que os premios desta xornada están confeccionados a base de marisco, así que se non vos chegou o que comestes no Nadal, aquí tedes a última oportunidade de marcarvos unha enchente.