Cun custe de 272 millóns, o "Ibuki" permitirá estudar a densidade dos gases e observar e os seus efectos sobre o ambiente.
A loita contra o cambio climático está a implicar cada vez a máis países. Agora é a quenda de Xapón, que se sitúa á vangarda da observación dos efectos do quecemento global. A súa axencia espacial, JAXA, lanzará a finais deste mes un satélite, que terá como misión monitorizar os gases de efecto invernadoiro da atmosfera en todo o planeta.
Recibe o nome de GOSAT (Satélite Observador de Gases Invernadoiro) e permitirá aos científicos calcular a densidade de dióxido de carbono e de metano en 56 mil emprazamentos da superficie terráquea. O obxectivo é que estea en órbita cinco anos e que recolla datos unha vez ao mes, de xeito que os primeiros datos poderemos coñecelos en abril ou maio deste mesmo ano.
Vitalidade xaponesa
A súa fabricación e lanzamento terá un custe de 272,6 millóns de euros -35 billóns de iens-e rastrexará raios infravermellos emanados dende terra que permitirán calcular a densidade dos gases. O satélite, que xa recibe o alcume de "Ibuki" (vitalidade, en xaponés), cubrirá aqueles países que non contan con ningún tipo de observatorio (fundamentalmente os que están en vías de desenvolvemento) e a atmosfera dos mares.
Doutra banda, a NASA tamén está a traballar no seu propio Observatorio Orbital de Carbono e a previsión é a de lanzalo tamén neste 2009. O seu propósito é tamén o de realizar medicións de CO2.