Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
O Deportivo estaría interesado

Os Rangers poderían poñer a Nacho Novo no escaparate en xaneiro

O ferrolán converteuse no máximo anotador da historia da irmandiña, xunto con Deus. Cos dous goles desquitouse dos desdéns do seu equipo, no que non xoga de titular dende novembro.

Redacción - 12:15 30/12/2008
Nacho Novo coa camisola dos Glasgow Rangers

Nacho Novo coa camisola dos Glasgow Rangers

Segundo publica o xornal británico Mail Online, os Glasgow Rangers, actual equipo do goleador da irmandiña, Nacho Novo (Ferrol, 1979), poderían estar pensando en poñer en venda a súa ficha.

O ferrolán veu nun avión privado a xogar contra Irán en Riazor, o mesmo sábado no que o seu equipo xogaba na casa, a mediodía, contra o Celtic, o seu principal rival na liga escocesa, cousa que, segundo este xornal, podería terlle axudado a poñer un pé fóra dos Rangers.

De xogar 15 minutos en Glasgow a botar unha hora en Riazor
Novo nin sequera foi titular no encontro que os Rangers perderon contra o Celtic por 1-0 senón que saíu na segunda metade, cousa que foi interpretada por unha parte da afección escocesa coma un desaire; un de moitos, xa que o galego non é titular dende o pasado 9 de novembro.

Porén, a mesma tarde do partido contra o Celtic, Novo xa estaba na Coruña, despois de viaxar nun jet privado fretado especialmente para el. En Riazor anotou dous goles dos tres que lle marcou Galiza a Irán, tantos que "non van danar a súa reputación, nun momento no que os Rangers están dispostos a escoitar as ofertas que veñan polo xogador, que aínda ten cinco meses de contrato", contan no Mail Online.

De feito, hai tempo que o Hull City -equipo da Premier League inglesa- se interesou por Novo, entre outros equipos, e os Rangers "están desesperados por recadar cartos para fichar un bo defensa central para a segunda metade da tempada, e isto significa que están abertos a ofertas para unha parte importante do seu actual cadro de xogadores". Dende o Bleacher Sport xa dan por feito a saída do galego para "o equipo do seu amigo, Daniel Cousin", entendendo que "o acordo xa foi pechado".

Tamén, segundo o Mail Online, o equipo escocés podería limitaranse a vender a futbolistas coma Brahim Hemdani e Christian Dailly, mais se estes non conseguen atraer o interese dos posíbeis compradores, sería a quenda para entrar no mercado de Nacho Novo, Lee McCulloch ou DaMarcus Beasley.

Un mes sen ser titular
Novo é un dos dianteiros máis aclamados pola afección escocesa, porén non é titular no seu equipo dende o pasado 9 de novembro. Nos últimos meses, o ferrolán non foi quen de gañar un papel propio, e viuse relegado a un segundo plano polo dúo goleador formado por Kris Boyd e Kenny Miller.

"Sempre vou dalo todo no terreo de xogo, pero non quero ser lembrado como o eterno secundario", dixéralle Novo á prensa escocesa antes de xogar contra o Celtic. "O tempo que estiven xogando con regularidade, sempre cumprín os obxectivos marcados. Sei que se xogo todos os partidos, podo conseguir 25 goles cada tempada para os Rangers, e isto conséguese aproveitando todas as posibilidades e xogando constantemente, pero teño que respectar as decisións do adestrador", subliñara Novo.

Posibilidades de fichar polo Dépor
Nun outro artigo, desta volta asinado por Keith Jackson no xornal escocés Daily Record, sinálase que o Deportivo, e mesmo o seu presidente, Augusto César Lendoiro, podería ter pousado a súa ollada no dianteiro.

A comezos de decembro, Novo contáballe a Vieiros, na entrevista na que se revelaba o seu debut coa irmandiña, que sempre quixo volver a Galiza: "Estando fóra botas de menos a terra, xa que os meus amigos e a miña familia están alí, pero no fútbol non se sabe o que vai pasar mañá".

Certo é que non se sabe o que podería acontecer, pero os dous goles e a actuación completa de Novo poderían terlle aberto os ollos a algúns equipos do Estado Español, onde o dianteiro non xoga dende hai 8 anos, cando colleu un voo cara Escocia dende Huesca, onde xogaba na Terceira División da Liga.

Sobre isto tamén se pronunciou o seleccionador nacional Fernando Vázquez, ao terminar o partido contra Irán, volvendo lamentarse polo gran dianteiro que deixara fuxir a canteira galega: "Nacho foi espectacular, que teña tanta enerxía é incríbel (...) Non podo entender por que non está xogando para un clube no Estado Español, mais si sei que o Deportivo estivo véndoo xogar esta noite".


Ligazóns

5/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Novo, no centro da imaxe, o pasado sábado no seu debut con Galiza
Novo, no centro da imaxe, o pasado sábado no seu debut con Galiza
Novo atentendo á Galega, após saír do campo no que marcou dous goles coa irmandiña
Novo atentendo á Galega, após saír do campo no que marcou dous goles coa irmandiña