A disposición dos internautas as curtametraxes “O matachín”, “Amor serrano” e “Herbón Killer” e o videoclip “Parrús Parrús”.
“O matachín” de Jorge Coira, “Amor serrano” de Luis Liste, “Herbón Killer” de Fran Velo e o videoclip “Parrús Parrús” de Francisco Pego. Catro pezas convertidas en clásicos do audiovisual galego dos 90 producidas ao abeiro da escola de Imaxe e Son de A Coruña estarán na rede esta fin de semana.
Títulos onde os internautas que non tivesen oportunidade de ver estas producións até o de agora poderán descubrir nomes moi actuais no cinema e a televisión do país. Os actores Luis Tosar, Luis Zahera, Toñito de Poi, Quico Cadaval, Xan Cejudo Cristina Pascual ou o desaparecido Vidal Bolaño, directores de fotografía como Suso Bello, Sergio Franco, Juan Morgade ou Pablo Fontenla, músicos como Piti Sanz ou os Diplomaticos de Montealto.
O ciclo corresponde á revisión que o "cineclub do audiovisual galego" está a realizar con gran éxito sobre as principais pezas de referencia do cinema producido en Galiza. Flocos.TV é un proxecto que pretende aglutinar a comunidade virtual do audiovisual galego na rede. As pezas a destaque estes días teñen que ver coa experimentación audiovisual coa fusión do rural e o urbano, moi próxima ao espírito do que foi no seu momento o movemento bravú, especialmente activo no eido musical.