Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Adxudicar os MW co plano do PP vixente compromete o desenvolvemento sustentábel do sector

ADEGA esixe á Xunta que non autorice ningún parque eólico mentres non se aprobe un novo plano sectorial

Dende ADEGA queremos manifestar o noso rexeitamento á adxudicación dos 2.325 MW do conxurso eólico que pretende facer Industria sen ter antes modificado o desastroso Plano Eólico do PP aínda vixente.

ADEGA - 13:16 26/12/2008
Tags:

A redacción dun novo Plano Eólico con criterios de sustentabilidade, paricipativo e incardinado nunha política enerxética que prime a suficiencia, a eficiencia, o aforro e a reducción das emisións de GEIs, debería ser previo á concesión das licenzas de explotación. No entanto, optouse por abrir a poxa ás industrias denantes de ter aprobado unha nova planificación sectorial conforme aos anteriores criterios e sen diálogo previo. E unha vez repartidos os MW, as empresas adquiren dereitos que tentarán facer efectivos presentando proxectos nas áreas que fixa o Plano Eólico vixente (ver imaxe apegada), isto é último aprobado durante era Fraga. E se algo caracteriza ao plano do PP é o seu forte impacto ambiental e social derivado dun produtivismo salvaxe e dunha concepción neo-colonialista da xestión dos recursos naturais.

Asemade, adxudicar a potencia eólica agora fará moi complicado que a Xunta poida logo desbotar os proxectos agresivos polo impacto ambiental, territorial, social, patrimonial… No caso da enerxía eólica non se trata de concesións con prazos de reversión (casos das centrais hidroeléctricas) ou con prazos de renovación e caducidade (minas e autovías). Son autorizacións indefinidas xa que, por máis que poida sorprender, o vento non é de dominio público aínda que tampouco é de ninguén (até que alguén se apropia del como acontecía na Idade Media coas terras baldías). Legalmente sinifica que non hai rescate posíbel, nen caducidade, nen vencemento da concesión. Só cabe a revisión da DIA (Declaración de Impacto Ambiental), a indemnización e, para as comunidades de montes, a non renovación do arrendamento. E aínda rexeitando os proxectos con de DIAs negativas, as empresas teñen xa recoñecidos os seus dereitos e poden continuar apresentando proxectos até que sexan aprobados ou topen cunha administración máis proclive.

Estas eivas poderíanse ter evitado se antes de adxudicar a potencia ás empresas se abrise un amplo debate sobre o novo modelo de xestión da enerxía en Galiza, que debería cristalizar nos novos Planos Sectorial Enerxético, Eólico, da Biomasa, entre outros. E para cada un destes planos, nomeadamente o Eólico, ADEGA esixe un proceso previo de consulta e debate cos sectores afectados (comunidades de montes, concellos, sector turístico, empresas, colectivos ecoloxistas e de defensa do patrimonio etc...) para concordar un novo modelo de desenvolvemento eólico para Galiza, verdadeiramente sustentábel, tal como se ten feito noutras comunidades (por exemplo, Navarra).

Por iso, ADEGA considera que a Xunta de Galiza non ten actuado responsábelmente, polo que ESIXIMOS:

Que non se autorice ningún proxecto sen antes ter tramitado axeitadamente e aprobado un novo Plano Eólico, para o que se deberá contar coa participación da sociedade, e non só das administracións, através dunha Mesa Eólica. Medio Ambiente e Cultura deberán garantir que se exclúan do aproveitamento eólico todos aqueles espazos que por razóns ambientais, paisaxísticas, patrimoniais, etc. non deben ser susceptíbeis de albergar parques eólicos. Política Territorial e Medio Rural deberían vetar as ubicacións que poidan ir en contra da ordenación racional do territorio, ben por ser incompatíbeis con outros usos prioritarios, ben por contradicir o disposto nas Directrices de Ordenamento do Territorio ou outra normativa de carácter territorial. Por exemplo, dende Política Territorial deberían limitarse os parques eólicos do litoral (como acontece en Asturias).

Ligazón ás ALEGACIÓNS de ADEGA ao Plano Eólico:

http://www.adega.info/files/Enerxia/Alegacions%20PLANO%20EOLICO.pdf


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: