Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Animando a xente a ir ás urnas

Benefícialle a algún grupo político o abstencionismo?

PPdeG, PSdeG e BNG coinciden en asegurar que a aposta pola "mobilización" do electorado é unha das preocupacións das súas campañas.

Redacción / Europa Press - 10:00 26/12/2008

A cota de abstención máis elevada en Galiza aconteceu nas eleccións autonómicas do ano 1981, cando un 53,71% da poboación non acudiu ás urnas e, en canto ás eleccións xerais, a menor taxa de participación aconteceu en 1979, cando un 50,28% dos votantes non exerceu o seu dereito democrático.

A nivel estatal, Galiza amosa a miúdo as cifras de máis elevado abstencionismo dos electores á hora de achegárense ás urnas. Apenas as Illas Canarias e Baleares quedan atrás de Galiza nese indicador que, no outro estremo, sitúa a Murcia, Castela-A Mancha ou Estremadura entre os lugares de maior participación electoral. Os comicios europeos son os que parecen deixar máis indiferentes os cidadáns, con taxas de abstención que chegaron a alcanzar un 57,3% en 1989 e un 55,7% en 2004. Porén, esta última cita foi a primeira vez que a participación galega chimpou por riba da media estatal, con case un punto de diferenza.

Por outra banda, hai que ter en conta o proceso de incorporación progresiva nos últimos anos de máis emigrantes ao Censo de Residentes Ausentes (CERA), colectivo entre o cal existen maiores cotas de abstención. Esta circunstancia afecta especialmente en Galiza, onde a importancia cuantitativa dos votantes que residen na diáspora alcanza o 12% do total.

As formacións políticas prometen campañas "contra o abstencionismo"
PPdeG, PSdeG e BNG din coincidir na necesidade de conseguir unha "baixa" abstención nas próximas eleccións do 1 de marzo. Aseguran así que unha das prioridades das súas campañas electorais centrarase en "mobilizar" o electorado para alcanzar altos índices de participación.

O secretario xeral do PPdeG, Afonso Rueda, afirma que o seu partido marcouse como obxectivo lograr que nos comicios galegos vote "canta máis xente, mellor". Con este propósito, avanzou que nos próximos meses os populares traballarán "a tope" para animar os electores a apoiar nas urnas a "alternativa ao bipartito".

Pola súa banda, a secretaria de Organización do PSdeG, Mar Barcón, chamou á participación "masiva" porque é a "grandeza da democracia" e porque, ademais, os socialistas aspiran a revalidar o actual espectro político "coa maior cantidade de votos posíbel". Así, garantiu que os socialistas converterán este elemento en eixe da campaña electoral e buscarán concienciar os galegos de que eles son os "protagonistas", no canto dos partidos políticos. "Como sempre facemos en todas as eleccións", engadiu. A maiores, admitiu que a abstención afecta en maior medida as formacións de esquerdas porque, segundo reflexionou, "os cidadáns progresistas teñen un espírito máis crítico e reflexionan dun xeito máis importante o seu voto".

Tamén o secretario de Organización do BNG, Alberte Ansede, razoou que "tradicionalmente" a alta participación favorece as forzas progresistas, e engadiu que este elemento resultará "decisivo" no resultado destes comicios. Por iso, considerou "fundamental" lograr baixos índices de abstención o domingo electoral e, en consecuencia, adiantou que a mobilización será "elemento central" da campaña dos nacionalistas.

Ao respecto dese asunto, o número dous dos populares rexeitou que o PPdeG saia beneficiado da abstención e, a xeito de proba, preguntouse "por que o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, decidiu convocar as autonómicas o primeiro domingo de marzo" e, polo tanto, facer coincidir a campaña electoral co Entroido. Na súa opinión, o PSdeG pretende evitar que acudan ás urnas os "decepcionados" co cambio e os afectados pola actual situación de crise económica. Fronte a este "xogo", Rueda subliñou que os dirixentes e militantes do PPdeG buscarán trasladar a súa mensaxe e as súas propostas aos electores sobre todo a través do "boca a boca", máis que mediante os medios publicitarios.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: