Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
Espazo en probas

A Europeana volve estar activa

Sen publicitalo apenas, para non volver morrer de éxito, a biblioteca dixital europea volve ser accesíbel en internet.

Redacción - 11:25 26/12/2008

Causara tal expectación durante o seu lanzamento previo, a finais do pasado mes de novembro, que o servidor da Europeana non foi quen de apandar co elevado volume de visitas. Pechada desde aquela e malia que xa fora inaugurada pola comisaria europea para a Sociedade da Información e Medios de Comunicación, Viviane Reding, a biblioteca dixital volve estar activa desde esta semana.

Os promotores do proxecto Europeana, fornecido pola Comisión Europea, anunciaron a cuadruplicación da capacidade operativa do sistema, e confían en que o novo período de probas se resolva confirmando a estabilidade desta iniciativa en liña. Así e todo, de xeito provisional o acceso estará limitado a un determinado número de usuarios cada certo tempo.

A base de datos chega de momento aos dous millóns de obxectos. Inclúe libros dixitalizados, filmes, cadros, xornais, sons e arquivos das principais coleccións do continente. Porén, de momento non hai apenas contidos galegos, nin abundan os saídos do Estado Español, mentres que Francia, o Reino Unido ou Alemaña, que levan moito máis adiantado o proceso de dixitalización dos seus fondos culturais, son os lugares de procedencia de boa parte dos documentos. O obxectivo é que en 2010 haxa arredor de 10 millóns de documentos formando parte da Europeana.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: