Despois das voltas e revoltas da semana pasada o equipo asiático será o rival da irmandiña no seu cuarto partido.
Equipo de Irán, nun dos seus últimos partidos
A selección iraniana de fútbol chega á Coruña como 43ª clasificada da listaxe oficial da FIFA, e 4ª da Confederación Asiática de Fútbol. O equipo asiático xoga o seu primeiro partido internacional no ano 1941, en Kabul, fronte a Afganistán. Despois de gañar a cuarta edición da copa asiática de nacións celebrada no propio país, no ano 1968, a selección masculina de fútbol de Irán viviría nos 70 a súa década dourada. Este período comezaría coa conquista de dúas copas asiáticas de nacións, nos anos 72 e 76, e remataría no 78 coa participación na súa primeira copa do mundo.
Dende entón o fútbol iraniano viviu un período de ostracismo que duraría case dúas décadas, até a consolidación dunha nova fornada de talentos dos que, en parte, aínda vive hoxe a selección. Así, no 1998 Irán acadaría a clasificación para a fase final dun mundial, vinte anos despois da súa primeira aparición. Aquel equipo estaba formado por xogadores como Karim Bagheri, actual capitán da selección; Mehdi Mahdavikia, autor do gol que deu a única vitoria a Irán nun mundial; ou Ali Daei, máximo goleador da historia da selección asiática e actual adestrador. Aquel equipo, perdeu na primeira fase, igual que os seus predecesores, pero acadar a única vitoria de Iran nun mundial, co valor engadido de ser o rival os Estados Unidos. Ademais, deron a coñecer ao mundo o fútbol do seu país, que comezaba naquel entón a abrirse camiño nas grandes ligas europeas, principalmente a alemá. Despois chegou a clasificación para o mundial de 2006 onde tiveron unha mala actuación e remataron na último lugar do seu grupo.
Dende entón, a selección tivo varios adestradores até a chegada do mellor xogador da súa historia á dirección técnica. Con só 39 anos, Ali Daei ten o gran reto de devolver a Iran á loita pola copa asiática, en cuxa final non está dende o ano 76; e clasificalo para o próximo mundial que se celebrará en Suráfrica no 2010. Para cumprir este fin conta cun grupo no que se mestura a veteranía de homes como Bagheri ou Mahdavikia cunha xeración de novos talentos que se achegan á época da súa madurez futbolística, como Javad Nekouman, Mashoud Shojaei ou Andranik Teymourian. Polo momento Daei conserva intactas as súas opcións, xa que ten ao seu equipo situado na segunda posición do grupo de clasificación para o mundial, a só dous puntos da República Democrática de Korea, e a falta de xogar un partido entre eles.
Até Galiza non virán as estrelas que xogan nas ligas europeas, xa que aproveitan estas datas para visitar aos seus familiares e, ao non estar o partido incluído no calendario FIFA, a federación non pode esixirlles a súa asistencia. Aínda así, na Coruña estarán a maioría dos futbolistas que Daei está a utilizar na clasificación para o mundial de 2010, polo que podemos agardar un encontro fermoso.