No espazo os lectores poderán interactuar cos autores, escritores noveis publicarán os seus textos, e amosaránse as novidades da editorial.
En realidade, trátase dun completo xornal electrónico que, ademais de ofrecer as anotacións que irán dando conta do día a día da editorial, será tamén unha fonte de información, opinións, debate e interacción. O blog da Editorial Galaxia conta cunha serie de seccións que están chamadas a ser referencia para os internautas interesados pola cultura de Galicia. Ademais dos post do día, conta cunha sección de Artigos de opinión onde as xentes da cultura de Galicia irán ofrecendo a súa visión sobre os temas de actualidade cultural máis candentes do momento. Por outra banda, a páxina ofrece tres novidosas seccións chamadas Balcón de Libros, Ópera Prima e Galería de Arte.
Por exemplo, no Balcón de Libros os autores da Editorial Galaxia poderán encontrarse cos lectores. Nesta primeira semana, é Xesús Constela Doce (Shakespeare destilado) quen está respondendo ás dúbidas e comentarios dos lectores. Ópera Prima é un espazo web no que os escritores e escritoras noveis van poder amosar as súas creacións. A rede ábrese así á edición virtual ao mesmo tempo que lle dá voz a nomes que queren iniciar, así, a súa andaina literaria. Neste momento xa se poden ler catro textos e o escritor Francisco Castro, responsábel da bitácora, indica que nestes primeiros días de funcionamento están recibindo un número moi importante de propostas: "calquera pode publicar nun blog, pero hai moita xente para quen pode ser moi importante facelo no blog dunha editorial", di.
Victor Freixanes, director da editorial, salienta a importancia da iniciativa: "Estar na contemporaneidade significa abrir camiños, arestora máis necesarios ca nunca, para que entre e saia o aire, tamén para que entremos e saiamos nós, a falar co mundo, a dialogar coas voces todas, porque quen non está activo nestes ámbitos está condenado a esmorecer. Velaquí un novo territorio. Para que o habitemos".