Ao plus de altos cargos e modificación da lei electoral, no caixón para a próxima lexislatura, unirase a reclamación da volta dos estaleiros á construción naval civil.
Non dubidan os promotores da Iniciativa Lexislativa Popular para o Fomento do Sector Naval Galego de que será doado apañar as quince mil sinaturas necesarias para que a proposta rexistrada este martes na Cámara poida volver co aval cidadán e ser debatida polos grupos parlamentarios.
A proposición de lei que achega a comisión promotora critica que no actual contexto de crise económica o estaleiro de Fene sexa mantido como "simple taller auxiliar de Navantia, infrautilizando as súas instalacións". Opinan que se trata dunha das mellores infraestruturas do sector en Europa e que, paradoxalmente, mentres a construción naval semella indicar unha fortaleza maior ca outros sectores, as administracións non se deciden a apoiar o proxecto.
A comisión foi recibida este martes no Parlamento polo voceiro de Industria do grupo parlamentario do BNG, Fernando Blanco Parga, quen afirmou que esta iniciativa lexislativa vai "na liña do defendido sempre polo nacionalismo tanto no Parlamento como no Congreso como en Bruxelas: non permitir que un activo produtivo tan importante como Astano continúe pechado por motivos políticos".
Freo ao desbalde de recursos
"Non ten sentido ignorar a complementariedade que ofrecen as instalacións de Fene ao conxunto da construción naval galega, incluídos os estaleiros de Vigo, para permitírenlle optar á realización de ofertas de construción de unidades ás que na actualidade non poden acceder", argumentan desde a comisión promotora. Ao fío, entenden que é ineludíbel o impulso dunha lexislación específica que lle dea ao sector naval "o pulo que precisa". Citan ao respecto as cifras da construción naval no conxunto do Estado, advertindo de que están moi por baixo de estados veciños da Unión Europea.
"Con todos estes recursos á nosa disposición e coa esperanza dun futuro tan prometedor, non ten sentido non dar á construción naval galega todo o apoio administrativo e financeiro", insisten, "chegou xa o tempo de curar a ferida que supón para o tecido industrial de Ferrolterra a amputación que supuxo a práctica desaparición de Astano".
Abano de iniciativas cidadás pendentes
Esta nova iniciativa lexislativa popular únese a outras xa en estado máis avanzado. Así, aparece destacada a relativa ao polémico plus de altos cargos, retribución extra que non volverá así ao primeiro plano parlamentario até a renovación á volta das eleccións. Tamén queda fóra a modificación da Lei Electoral proposta por Esquerda Unida, que de xeito concreto pedía rebaixar dun 5 a un 3% a porcentaxe de votos necesaria para obter un deputado.