Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Xuntanza con Zapatero na Moncloa

Touriño declárase "extraordinariamente satisfeito" coa promesa estatal sobre financiamento

Asegurou o presidente da Xunta que, malia os cambaleos dos últimos días, a dispersión e avellentamento serán factores á hora da reformulación, tal e como esixía Galiza.

Redacción - 14:25 23/12/2008



A esixencia unánime, coa beizón de todos os grupos parlamentares, acerca da dispersión e o avellentamento como criterios a ter en conta á hora de deseñar o futuro sistema de financiamento no conxunto do Estado, foi tema clave da reunión este martes en Madrid do presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e o presidente do goberno español, José Luís Rodríguez Zapatero.

Touriño chegaba á segunda quenda de xuntanzas nesta xornada onde Zapatero tiña cita ademais cos representantes de Estremadura, Guillermo Fernández Vara, e co de Asturias, Vicente Álvarez Areces. Anteriormente, o presidente do goberno español xa se citara en reunións bilaterais co presidente catalán, José Montilla, o andaluz, Manuel Chaves, e a madrileña, Esperanza Aguirre.

As demandas galegas no proceso quedaran en dúbida nos últimos días despois desa primeira quenda de xuntanzas. Con todo, Emilio Pérez Touriño valorou positivamente a interlocución ao respecto este martes. "Galiza terá máis recursos para o seu financiamento", salientou o presidente. Engadiu Touriño que haberá máis recursos por habitante e que se introducirán os custos diferenciais na prestación de servizos básicos, "como é o caso do avellentamento e a dispersión poboacional". Pérez Touriño asegurou ter recibido o compromiso do executivo estatal de que estes elementos terán maior peso á hora da reformulación financeira. Por outra parte, Touriño insistiu tamén en que o peche final do modelo pasará a través do Consello de Política Fiscal e Financeira polo que será necesariamente "un acordo multilateral".


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: