O historiador ourensán fíxose co certame de ensaio con 'Un longo e tortuoso camiño: Adaptación, crise e cambio no BNG (1982-2008)'.
26 anos de Bloque Nacionalista Galego préstanse para unha análise da súa evolución: xa dende a Transición, onde hai que buscar as orixes ideolóxicas e organizativas da fronte, até a súa chegada ás institucións autonómicas, pasando polos anos de crecemento electoral, cuns resultados máximos a finais dos noventa. O xurado, formado por Luis Alonso Girgado, María López Sández, Rosa María Gómez Pato, Ramón Villares e Carlos Lema, valorou "a capacidade do autor para interpretar e reconstruír, con rigor intelectual e eficacia expositiva, o proceso recente da formación nacionalista"; así mesmo, salientou o importante corpus documental empregado polo historiador ourensán.
26 anos de adaptación e cambio, que trouxeron momentos de crise e un imprescindíbel cambio na cultura política da organización e dos seus militantes. Duverger afirmou que os partidos sofren profundamente a pegada das súas orixes. E xa Paramio indicara que no proceso de transformación dun partido cara ao centro, cada novo paso debe ser coidadosamente contrapesado para non defraudar a militancia. As posíbeis compensacións poden ser de dous tipos: o primeiro e máis elemental é facer un alarde de retórica revolucionaria. O segundo tipo de compensación que se pode ofrecer á base militante é un incremento do peso do partido na escena política".
Podemos entender as leas internas no BNG pola non adaptación da cultura política dos militantes, ou pola distinta velocidade en que se produce esta adaptación?
Hoxe en día hai unha disfunción entre a cultura política que o nacionalismo tivo durante moitos anos e o feito de que o BNG se configure como "partido de goberno". Trátase dunha disonancia cognitiva que ten que ver coa inadecuación entre esa cultura política aínda presente nun indeterminado número de afiliados e achegados -baseada en marcos interpretativos resistencialistas, esencialistas e rupturistas- e a práctica política que o BNG viña adoptando nos últimos anos. Se até o momento esa cultura política tiña unha función de consumo interno que servía de cemento identitario e de compensación aos cambios estratéxicos operados, a partir da chegada ao goberno revelaríase como claramente disfuncional e como unha pexa para o proxecto de Anxo Quintana. A maior parte das críticas que o BNG recibe dende o nacionalismo veñen por aí.
Dicía Cunqueiro: "O home precisa, como bebe auga, beber soños" Que queda no BNG dese pasado de loita?
Queda a mitificación da loita social como a gran panca para transformar a realidade, aínda recentemente escoitamos este discurso nalgún ex líder do BNG. Nas democracias desenvolvidas e asentadas, a mobilización social ten uns claros límites, e máis en Galicia, onde nunca houbo grandes e contínuas mobilizacións sociais. Mentres que a outra vía, a vía máis lenta, e a única vía posíbel para finalmente levar a cabo cambios, e é a única que finalmente ten continuidade; vímolo no Prestige, por exemplo.
Dende a Transición podemos distinguir claramente dúas pólas no nacionalismo galego: a nacional-popular de UPG e BNG e a posibilista de POG, UG e EG. Parece que a UPG triunfou, porque impuxo as súas estruturas partidarias e siglas, pero en cambio tivo que asumir as propostas programáticas dos posibilistas. Un triunfo moral?
Un triunfo, ademais, non recoñecido, sobre todo debido ás características deste cambio dentro do BNG. É un cambio discreto, nunca renunciando teoricamente a nada, pero deixando nun segundo plano, no faiado, aqueles elementos que son máis estrepitosos. Cambiouse sen aceptar que se cambiaba en moitas cousas.
A partir de mediados dos oitenta, con Beiras como líder, o BNG estrutúrase como unha coalición de partidos, un pacto entre a UPG, que controla o aparato e actúa como ama de chaves, e o propio Beiras, cun gran liderado simbólico. Hai loita interna por gañar posicións?
Prodúcese o que tecnicamente se chama 'configuración dunha coalición dominante' (Panebianco) entre a UPG e Beiras onde hai un reparto tácito de roles. Produciríase un reparto de roles: ao segundo adxudícaselle unha función de liderado case carismático e de representación externa da nova faciana do nacionalismo, no entanto a primeira seguiría a actuar en todo momento como a columna vertebral da organización, controlándoa con man de ferro, quer con luva de seda, quer sen ela. E non hai aparentemente grandes conflitos: Beiras e UPG cando se entendían estaban encantados de coñecerse. O obxectivo do resto dos partidos eran que a UPG repartise os incentivos selectivos: postos no partido, cargos institucionais. Pero ninguén plantexou seriamente nos anos noventa, dende logo Beiras non o fixo, unha revolución interna para restarlle influencia á UPG.
E chega o 2001...
Si, é un gran shock no BNG e o catalizador da crise e dos cambios posteriores. O resultado destes comicios supuxo un duro golpe ás desmesuradas expectativas do nacionalismo. Fai que a UPG comece a cambiar de perspectiva, entendendo que cedera de máis, que as cousas se podían ir das mans. Hai unha fuxida cara adiante na que a UPG cuestiona a Beiras, Beiras trata de reaccionar, e hai un intento de recompoñer todo de novo. E nesa crise emerxe a figura de Anxo Quintana, que é un político novo, no sentido de idade e tamén en canto ao seu pragmatismo.
Quen é Anxo Quintana? Cal é a súa ideoloxía? Até que punto súa estratexia, que parece bastante visíbel, sobre todo unha vez que chega ao goberno, é premeditada? Por quen está influída?
En política as cousas son unha complicada mestura de planificación e improvisación. Anxo Quintana non é un ideólogo nin un intelectual en sentido estrito, pero iso non quere dicir que non teña ideas. É un "político esponxa", moi intuitivo, nada dogmático e ten bastante clara cal é a fórmula da supervivencia política do nacionalismo. Eu non falaría de ideoloxía, senón de antena para intuír por onde van os tiros. É a gran novidade. Outra cousa é que se comparta ou non este nacionalismo centrado, fortemente institucional, que se trata de homologar a CiU.
Cando Beiras é apartado no poder no BNG, en que medida foi responsábel a actitude acomodaticia que mantivo durante anos, o feito de non preocuparse con gañar poder dentro do partido, e limitarse a manter o seu liderado simbólico?
Eu a Beiras defínoo como un liderado adaptativo, que non é transformador internamente. Pensaba que a súa posición era incuestionábel. No canto de aproveitar a súa lexitimidade nos momentos de expansión electoral para facer valer a súa ascendencia e liderado e tecer unha rede de apoios interiores e exteriores coa que desputar a hexemonía á UPG, establecendo unha renovación da coalición dominante, Beiras adoptou unha pauta de "líder individualista" coa que acomodarse politicamente. Este acomodo consistía en asegurarse unha posición privilexiada -e supostamente intocable- na coalición dominante coa UPG. É certo que tampouco os outros grupos fan intentos serios de competir coa UPG. A UPG foi absolutamente determinante no BNG, e ségueo sendo hoxendía, aínda que xa non é o mesmo. Non é que estea dividida, pero hai sensibilidades moi diferentes: non é o mesmo Bautista Álvarez, que por iso se retirou, que Paco Rodríguez, ou Jorquera: son sensibilidades diferentes. A UPG está nese impasse, no que cambia sen cambiar, ou cambia sen dicilo.
En que medida podemos seguir considerando á UPG como un partido-secta, na terminoloxía da Ciencia Política de Pannella, como o era nos seus inicios?
Eu non lle chamaría partido-secta. Eu diría que é o pai da criatura; o BNG é fillo da UPG. Como pai, ten que ter os seus réditos. É a comezos dos anos setenta cando formula a necesidade do que chamaba fronte de liberación nacional, cuxa primeira concreción foi a AN-PG, que fracasou, entre outros motivos, polo sectarismo da UPG. Sentíndose autolexitimada pola propia traxectoria histórica, a súa actuación no nacionalismo galego guiaríase por unha peculiar versión autóctona da concepción leninista do partido. Daquela, a UPG pénsase como unha vangarda que actúa como gardán das esenzas transformadoras do nacionalismo e que sería quen de establecer, en derradeira instancia, os límites do proxecto nacionalista. Ao mesmo tempo, o BNG convértese en principal fonte de recursos de poder e estatus material e simbólico para os seus membros máis relevantes.
Quintana dende o goberno debilita a imaxe do BNG, preséntao cun perfil máis baixo?
Quedan algúns floco no proceso de adaptación do BNG: a diferencia entre o que fai ou di Quintana dende o goberno, e o que fan ou din algúns deputados e militantes. E ás veces fai ruído unha cousa coa outra.
O BNG leva anos mantendo ou mellorando os seus resultando nas vilas e concellos pequenos, pero sufrindo grandes descensos nas zonas urbanas. Que lle pasa ao BNG nas cidades?
No BNG tenden a explicalo baseándose en factores esóxenos, e non tanto nas debilidades ou insuficiencias internas. Perdeuse un electorado nas cidades, iso está claro; a idea de que un electorado é teu é discutíbel: responde a distintos estímulos en cada momento. Quizais haxa que relacionalo cunha excesiva polifonía dentro do BNG e coa recuperación electoral do Partido Socialista en Galicia, que non é manco. Tamén é certo que a figura de Beiras foi moi carismática, e Quintana non ten tanto carisma nos ambientes urbanos, pero súpleo cun traballo de base na zona rural, coa xente do común. Pero está claro que o BNG ten un handicap moi importante nas cidades, mentres non o solucione, o BNG vai ter un límite de voto moi claro.