Pódense ver obras de Joan Morey, María Ruido e Paco Cao e Javier Peñafiel, así como un repaso ás creacións máis destacadas do proxecto.
Despois de O futuro da actualidade (2006) e Información contra información (2007), A sombra da historia/Os contextos que veñen, que se inaugurou este xoves no CGAC, pecha a triloxía do Proxecto-Edición. Desde setembro de 2008, a primeira fase da exposición presentou diversas interpretacións sobre a función e o status dos arquivos na sociedade contemporánea e mais sobre a situación da memoria, a construción da historia, a credibilidade das imaxes, os dereitos de autor ou as estratexias da edición para construír versións convincentes da realidade.
Nesta segunda fase, ademais de expoñer nas salas da planta baixa do centro catro dos proxectos máis importantes producidos no contexto de Proxecto-Edición (os de Joan Morey, María Ruido, Paco Cao e Javier Peñafiel), na entrada do museo dispúxose un espazo de documentación onde os visitantes poden consultar os libros e outros obxectos de creación que se produciron ao longo dos tres últimos anos. "As catro obras que se poden ver neste momento son se cadra as máis ambiciosas de todo o proxecto e por iso levaron máis tempo", di Manuel Olveira, director co CGAC, que salienta que teñen en común un traballo sobre os contextos (de aí o título), "os contextos son os que dan significado; hoxendía hai moita información, pero sen un marco de referencia non significa nada: estes marcos son os que axudan a crear os relatos, que nunca serán únicos, senón múltiples".
Ademais, este xoves tamén se inaugurou unha retrospectiva sobre o checo Jiri Kovanda, "unha figura cun traballo moi especial", segundo Olveira "sobre todo porque non segue os parámetros da arte contemporánea, que cada vez aposta máis pola tecnoloxía e os grandes formatos. A obra de Kovanda, en cambio, está en contra desa espectacularidade, aposta por obras sinxelas, mesmo empregando materiais que todos podemos ter a man".
Tres anos de Proxecto-Edición: "Obxectivo cumprido"
Durante este tempo, o Proxecto Edición traballou coa memoria cultural, co arquivo da remembranza e coa idea emanada das reflexións de Derrida de que o arquivo non trata só de aspectos relacionados co pasado senón tamén co presente e o futuro, xorde a certeza de que o campo da historia da arte e da obra de arte é o mellor lugar para abordar os diálogos transculturais, a coexistencia plural multicultural e a súa inserción no político. Manexáronse nocións de historia da arte dunha forma interdisciplinaria, baseada nunha alianza entre o labor dos artistas, os teóricos culturais, os historiadores, os sociólogos e, en xeral, de todos os profesionais vinculados ao difuso campo das humanidades. As necesidades e complexidades dos arquivos actuais son demasiado grandes para calquera disciplina illada. E cada especialista dun ámbito necesita dialogar con especialistas doutras disciplinas.
"Creo que os obxectivos están cumpridos", di Manuel Olveira, que engade que "non pretendimos extraer conclusión ningunha, senón que queríamos que o proxecto servisen de termómetro da situación". "A edición é clave na produción artística contemporánea, aínda que quizais aínda necesitamos algo máis de tempo para valoralo", explica Olveira, que salienta a "distinta relación que o público estabelece coas obras editadas, que teñen un percorrido distinto".
Proxecto-Edición rachou esquemas na programación artística en Galiza: organización compartida entre CGAC, Marco e Fundación Seoane, rachou tamén as limitacións temporais das exposicións convencionais, e creou un bo feixe de obras en soportes editados e repoducíbeis. Para Olveira, Proxecto-Edición é unha iniciativa "exemplarizante", sobre todo polo mérito de crear "unha rede de traballo, máis aló de coller unha exposición e levala a un museo ou outro; sobre todo nun país como este, dominado polo minifundio e nun ámbito como a arte, tan individualista".
As catro exposicións
A metodoloxía de traballo de María Ruído baséase en amplas investigacións que requiren fortes doses de tempo e todo un equipo de documentalistas, historiadores, cámaras e editores para dar forma a proxectos de produción lenta e forte calado. Nalgunhas das súas obras como La memoria interior (2002), o interese da artista estaba centrado en evidenciar os mecanismos da memoria individual e os seus esquecementos en conexión cos das memorias colectivas, e en definitiva, en encontrar na historia persoal e as subxectividades un contrapunto á Historia oficial.
En cambio, en Plan Rosebud aborda de novo o tema da memoria, pero desde outra perspectiva: este novo proxecto quere ser unha investigación sobre as relacións entre a cousificación da memoria (o monumento) e a súa (suposta) activación (o documento), achegándose aos puntos de conflito e contacto de ambos nun dos territorios máis esclarecedores dos mecanismos de construción dun pasado común: a guerra, escenario, ademais, de ensaios e estratexias de control e disciplina dos corpos que non deixan de ser máis que continuacións das tecnoloxías disciplinarias contemporáneas.
O veleno do baile é o documental no que o asturiano Paco Cao leva inmerso os últimos anos, un proxecto que naceu da súa especial relación coa comunidade dominicana en Nova York e que colle prestado o título dunha publicación do século XVI prohibida pola inquisición.
Ao longo de 2008 o artista mallorquín Joan Morey realizou tres performances a porta pechada no CGAC. A ausencia de público era condición fundamental para desenvolver o seu traballo OBEY_Humillados&Ofendidos, cheo de referencias, cando non apropiacións, xa desde o propio título que remite a Dostoievski. O papel de espectadora allea encarnouno a escritora Yolanda Castaño que participou nesta produción cunha caracterización inspirada no cine de Fassbinder. Joan Morey sabe que ten que utilizar, parafraseando a frase de Debord, as canles do espectáculo e da representación para reconstruílas mellor e para evidenciar as contradicións e extorsións que lles son comúns tanto ao espectáculo como á arte. Polo tanto, utilizar as vías de circulación sígnica hexemónica non significa de ningunha maneira reafirmar a dirección socio-histórica nin a estético-política dominantes, senón todo o contrario.
Na Mera coincidencia de Javier Peñafiel o suxeito presencial é máis que dubidoso, por iso un suxeito inestable e móvil é máis efectivo nun mundo fracturado e cambiante nun mundo no cal é posible inverter o tempo e xestionar a nosa identidade no medio dunha conversación cruzada na que o rol de cada un non remata de estar de todo claro. É por iso polo que dicimos que este proxecto de Javier Peñafiel é como un retrato impune que desenmascara os discursos esencialistas e que escamotea a realidade á vez que a revela.