A futbolista coruñesa conta coa confianza da súa adestradora Pili Neira, e xogará contra Baleares o seu segundo encontro nas filas da Irmandiña.
Miriam coa camiseta do Orzán
Miriam Ríos Barreira é a escorregadiza dianteira do Orzán Sociedade Deportiva. Afeccionada ao fútbol desde pequena entrou en contacto con este deporte coñecendo os mellores anos do brasileiro Bebeto. Isto fixo que idolatrara o gran goleador do Deportivo, como despois faría con outro compañeiro que tivo menos sorte: o portugués Pedro Pauleta. No que se refire á Irmandiña é unha xogadora importante para a seleccionadora Pili Neira, que ve na súa velocidade unha arma útil para desmontar as defensas rivais.
Que recordos gardas do primeiro partido, que se celebrou o ano pasado en Balaidos?
Acórdome de chegar ao campo, pisalo e de que case me escapan as bágoas. Vas xogar coa túa selección e iso é moi fermoso. Despois tamén recordo momentos do partido pero, sobre todo, os folgos cos que nos animaba a xente mentres aquecíamos.
En xeral podemos falar da Irmandiña feminina como un equipo novo e ti es unha das xogadoras que aínda ten por diante unha longa carreira deportiva. Que futuro lle auguras á selección galega?
Un gran futuro. Eu coñezo varias xogadoras das sub-15 e sub-18, e son moi boas. A maioría están xa en equipos de nacional, entón teñen a sorte de poder curtirse dende novas. Eu ademais penso que non é moi grande a diferencia entre esta división e a Superliga. De feito coñezo xogadoras de Galiza que non xogan nas primeiras divisións e son moito mellores que algunhas da Superliga. Hai xente que estivo alí porque tivo a oportunidade e outra que aínda merecéndoo non foi afortunada.
Como cres que rendería a selección galega se participara nunha competición internacional nun futuro próximo?
Agora temos poucas veces a oportunidade de adestrar en conxunto. Se seguimos a facer estes partidos en tres ou catro anos eu creo que daríamos o nivel para estar nun campionato internacional.
No teu club, o Orzán comezastes a tempada en baixa forma pero agora parece que estades a recuperarvos. Cal é o voso obxectivo de aquí ao final do ano?
Nós só pensamos en manternos en liga nacional e pasalo ben. Unha vez acadado este obxectivo temos que seguir procurando ganar partidos e despois a ver como remata o ano.
Para cando poderemos ver un equipo galego xogando na Superliga?
Está complicado, polo menos este ano. Na nosa división está o Oviedo Moderno, que ven da Superliga e eu véxoas por enriba dos outros equipos. Penso que nos próximos anos veremos equipos galegos na Superliga, pero agora mesmo o problema máis difícil é a fase de ascenso, que está moi complicada.
Canto tempo hai que xogas ao fútbol?
Dende moi pequena, aos tres ou catro anos. Despois federeime aos 13, nun equipo de rapaces chamado Deportivo Ciudad. Ao ano seguinte paseime ao fútbol sala feminino e alí pasei cinco ou seis anos. Antes só podías xogar cos rapaces hasta cadetes, pero agora cada vez hai máis equipos femininos e iso xa non é un problema.
Sufriches algún tipo de discriminación dentro do fútbol por ser unha rapaza?
Por ser unha rapaza nunca se me tratou peor. Berrábanme igual que ao resto de compañeiros e os rivais metían o pé forte, sen facer distinción. De feito a min sempre me trataron moi ben alí onde estiven.
E como asimilaron no teu entorno a túa paixón polo fútbol?
Ben, ríanse un pouco ás veces pero sen maior problema.