Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Presentación do último informe do WWF

Se en dez anos se coñeceron un milleiro especies novas, cantas máis agochará o Sudeste Asiático?

Entre 1997 e 2007 atopáronse 519 plantas, 279 peixes, 88 ras, 88 arañas, 46 lagartos, 22 serpes, 15 mamíferos, catro aves, catro tartarugas, dúas píntegas e un sapo.

Redacción - 12:15 21/12/2008
O milpés 'Desmoxytes purpurosea'

O milpés 'Desmoxytes purpurosea'

Nun mercado dos centos deles que hai en Laos, descubriuse un mamífero á venda do que ninguén sabía a existencia. Primeiro pensouse que facía parte dunha nova familia de mamíferos, mais despois sóubose que esa familia só fora descrita a partir de fósiles, e que estaba extinta dende hai máis de 10 millóns de anos.

Mais o kha-nyou -nome deste mamífero na lingua local- está ben vivo. Foi fotografado e filmado, e é unha das 1.068 novas especies que se descubriron no sudeste asiático, na última década. Os resultados recólleos o último informe do Fondo Mundial da Natureza (WWF), que foi publicado a comezos desta semana.

"Pensabamos que descubertas desta escala só aparecían xa nos libros de historia", dixo, na presentación deste volume, Stuart Chapman, director do Greater Mekong Program da WWF e responsábel dos proxectos de conservación e investigación da biodiversidade no Sudeste Asiático. Entre 1997 e 2007 os investigadores deste proxecto atoparon 519 plantas, 279 peixes, 88 ras, 88 arañas, 46 lagartos, 22 serpes, 15 mamíferos, catro aves, catro tartarugas, dúas píntegas e un sapo.

O val do Mekong, unha rexión única en biodiversidade
Debido ás circunstancias xeopolíticas -primeiro o colonialismo e despois varias guerras-, a rexión que arrodea o río Mekong é unha das máis ricas en biodiversidade e tamén das máis descoñecidas do mundo en termos biolóxicos. O Mekong nace no Tíbet e desemboca no mar da China, atravesando 4.500 quilómetros. A WWF traballa en tres rexións que forman o que denominaron Greater Mekong e que abranguen partes de Camboia, Laos, Birmania, Tailandia, Vietnam e o Yunnan, unha das provincias da China.

No Greater Mekong mestúranse zonas de bosques húmidos e secos, que medran arredor dunha conca hidrográfica alimentada polo río e os seus afluentes. Segundo este estudo da WWF, existe alí unha elevada cantidade de especies endémicas. Na rexión que abrangue parte do Vietnam, por exemplo, o informe sinala que existiron "condicións excepcionais que permitiron que bosques húmidos persistisen durante a última Idade do Xeo, dándolle ás especies que nel habitaban milleiros de anos de refuxio, para evolucionar illadamente".

Algunhas das especies que se atoparon están puntualmente localizadas, como por exemplo a Leptolalax sungi, unha ra con ollos dourados que foi recollida na montaña de Tam Dao, no norte do Vietnam, a 925 metros de altitude,que só existe nos arredores dun río, perto da aldea de Tam dao. Un dos máis fotoxénicos dos invertebrados é a Desmoxytes purpurosea, un milpés, curmán dos cempés, de cor rosa e case fluorescente -para avisar que é velenoso-, que foi atopado en Tailandia o ano pasado.

Centos de especies novas
Na rexión do Mekong, por exemplo, conta con 430 mamíferos, e 70 deles só existen neste zona. Por isto a descuberta de 15 novas especies en 10 anos fai que os científicos pensen que existe aínda moita biodiversidade por descubrir, e esta primeira investigación só foi o comezo de moitas. "O mundo científico está agora descubrindo aquelo que xa coñecían os habitantes desta zona dende hai séculos", sinalou Chapman. Por isto, a WWF elaborou varios plans para protexer a biodiversidade destas rexións, e quere desenvolver cos gobernos e as industrias dos países un proxecto para a conservación dunha área de 600 mil quilómetros cadrados, o equivalente á Península Ibérica.

A rexión, na que viven 320 millóns de persoas, é unha das máis ameazadas do mundo. O desenvolvemento económico, o aumento demográfico e os patróns de consumo da rexión han facer presión, nos vindeiros anos,sobre o río Mekong a través da agricultura, a industria madeireira, o comercio ilegal de especies salvaxes e a pesca. E por se aínda non chegase con isto, prevese que o Sudeste Asiático sexa das rexións máis afectadas polas alteracións climáticas.


Ligazóns

5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Vexa o vídeo de WWF, 'First Contact in Greater Mekog'

Velaí o río Mekong
Velaí o río Mekong
Área de traballo, onde se atoparon estas especies (clique para ampliar)
Área de traballo, onde se atoparon estas especies (clique para ampliar)
A 'Trimeresurus gumprechti', descuberta en 2002
A 'Trimeresurus gumprechti', descuberta en 2002
A 'Laonastes aenigmamus', descuberta en 2005
A 'Laonastes aenigmamus', descuberta en 2005