Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VIVENDA

Estoupido da burbulla inmobiliaria: chega o axuste anunciado

O sector rexeita o dato de que sigan a subir os prezos do piso usado e cifran nun 5% a baixada da cotización da obra nova e nun 15% a da vivenda de segunda man.

Isabel G. Couso - 09:00 22/12/2008

A vivenda é un dos sectores que máis se está a ver afectado pola crise. A burbulla inmobiliaria ten os días contados e avanza rapidamente cara o seu estoupido. Os datos estatísticos sucédense e ofrecen dispares análises sobre o mercado inmobiliario. Dunha banda, o informe que publica mensualmente a web Facilisimo.com asegura que Galiza é a única que pechará o ano cunha suba de prezo nos pisos usados, cifrada en 2,58%. Outros datos de organismos oficiais móvense entre as mesmas cifras: os últimos informes do IPC do Instituto Nacional de Estatística (INE) revelaban que nos últimos 12 meses, a vivenda protagonizou o maior aumento de prezos en Galiza, ao incrementarse un 6,1%. Pola súa banda, o último dato feito público pola Sociedade de Taxación (ST) aseguraba que a cotización media da obra nova no primeiro semestre do ano experimentou unha suba media do 0,1%.

Con todo, a realidade diaria dos xestores inmobiliarios contrasta coas cifras estatísticas ou, cando menos, completa a fotografía. A Asociación Galega de Xestores Inmobiliarios (AGGI) asegura que a caída de prezos é moito máis sensíbel. O presidente desta entidade, Anxo González, explica que están a experimentar un descenso de prezos do 15% en vivenda de segunda man e dun 5% en obra nova. É mais, nas súas palabras, "hoxendía a cotización dos pisos usados está tan baixa como hai tres ou catro anos e a dos pisos novos sitúase nos mesmos niveis que en 2005". Segundo a información que manexa a entidade, no que vai de ano pecharon xa dúas de cada tres inmobiliarias galegas.

Axuste do mercado
Os economistas coinciden en subliñar que a curto e medio prazo os prezos aínda han de caer máis. Así nolo asegura o profesor de Economía Aplicada e colaborador de Vieiros, Manuel González López: "nos últimos tempos había un desaxuste evidente entre a oferta e a demanda que agora tenderá a desaparecer". Na súa opinión, anularanse aquelas compras que se facían co obxectivo de inverter: "nun futuro próximo, só quedará a demanda necesaria, e tendo en conta que a capacidade de compra tamén está indo a peor, o lóxico é que baixen os prezos e se axusten a esta demanda real".

Neste punto tamén coinciden os xestores inmobiliarios: "estase a producir unha reestruturación do mercado e o prezo da vivenda vai estabilizándose" di Anxo González. As causas son variadas: dunha banda, os compradores adican máis tempo á busca de piso e demoran a súa decisión. Doutra banda, a baixada dos tipos de interese e do euríbor fai que moitos propietarios pospoñan a súa venda, xa que agora ven que poden asumir o pago da súa cota. Ao mesmo tempo, outros están máis afectados pola crise, pola perda do emprego e do seu poder adquisitivo e optan por unha venda que non tiñan prevista. Se atendemos aos datos do Banco de España, a débeda hipotecaria das familias medrou no Estado Español nos últimos meses a un ritmo do 5,8 até outubro (unha taxa menor que coa que comezaba o ano: 12,9%).

A todo isto González López engade o feito de que haxa un importante número de construtoras que precisan vender os seus edificios, xa que teñen problemas de liquidez inmediato. E tampouco hai que esquecer o importante número de vivendas que aínda non teñen comprador: segundo os datos do Observatorio Inmobiliario de Caixa Galicia, o 24,5% das construídas nos últimos catro anos permanecen sen vender. Isto fai que os analistas falen do vindeiro 2009 como un bo ano para mercar vivenda co obxecto de residir nela mais, como en toda cuestión económica, as previsións varían tan rápido como o propio mercado.

Outra opción: o aluguer
As variacións na compra e venda de inmóbeis non rematan aquí. A situación económica do país leva a que os bancos "pechen a billa dos créditos", o que fai que moita xente opte polo aluguer. Á súa vez, dáselle pulo á oferta e á demanda neste sector, o que posibilita un axuste máis efectivo dos prezos que, con todo, seguen a medrar. Así o demostran os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE) que revelan que a cotización de pisos alugados medrou en Galiza un 3,3 % no pasado mes de novembro. Aínda así, este dato matizarase co feito de que está a medrar o número de edificios que se adican ao arrendamento: "tanto construtoras como propietarios que mercaron co obxecto de inverter viran cara o aluguer porque non poden vender os pisos a cantidades máis baixas que o prezo de adquisición. Antes de perder os cartos, optan por buscar outras solucións, como o aluguer", di González.


Ligazóns

4/5 (4 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: