Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
FÚTBOL

A Federación rompe o acordo con Chile e busca outro rival para a Irmandiña

A Dirección Xeral de Deporte e a Federación Galega de Fútbol ultima un contrato con outro combinado. O novo equipo podería coñecerse este venres.

Pablo García Martínez - 23:20 18/12/2008
Os irmandiños aínda non teñen a certeza de quen será o seu rival

Os irmandiños aínda non teñen a certeza de quen será o seu rival

Confirmado. Chile non vai vir a Riazor. A Federación Galega de Fútbol e a Dirección Xeral de Deporte decidiron rescindir o contrato subscrito con este combinado ao non cumprirse as condicións apalabradas. Os chilenos están obrigados agora a abonar 125 mil euros indemnización e os gastos que se produciron até o momento. A Dirección Xeral de Deporte anuncia que se está a piques de pechar un acordo con outra selección e que se dará a coñecer nas vindeiras horas.

Na tarde deste xoves a Federación Galega tamén recibiu unha comunicación da Federación vasca anunciando a imposibilidade de disputar o partido contra o combinado feminino. Porén, dende a Dirección Xeral para o Deporte aseguran que se está a ultimar un acordo con outro combinado.

(15.15 horas)

A primeira hora desta tarde pode confirmarse de forma oficial a non participación de Chile o día 27 fronte á selección Irmandiña. A pesar dos contactos que se realizaron durante toda a mañá deste xoves cada vez semella máis probábel que sexa outro combinado o que se enfronte aos Irmandiños.

A día de hoxe algunhas das posíbeis substitutas son Bosnia Herzegovina e Iran, que ven de cancelar o seu partido contra a selección vasca masculina. Esta cancelación é debida a un conflito que ven mantendo dende fai máis de un mes cos seus xogadores e as súas xogadoras. A decisión da federación vasca de cancelar o partido contra Irán podería afectar tamén ás rapazas da Irmandiña, que deberían xogar o seu partido contra Euskadi o día 28 en Pasarón.


(12:45)
A Dirección Xeral para o Deporte e a Federación Galega de Fútbol seguen agardando a que se resolvan as negociacións entre a empresa Media Sports Marketing e os representantes do fútbol chileno, sobre o partido do día 27. A Federación Galega asinou un contrato con Media Sports polo que a axencia de márketing estratéxico comprometíase a contratar unha selección para enfrontarse á Irmandiña no seu partido anual. Ao mesmo tempo, esta empresa firmou un contrato coa Asociación Nacional de Fútbol Profesional chilena, para ser este o equipo que se enfrontaría ao combinado galego.

Como é lóxico e habitual, ambos contratos establecen unhas cláusulas e o seu incumprimento implicaría unha serie de penalizacións, xeralmente de natureza económica. Agora mesmo os responsábeis do fútbol chileno non están en condicións de cumpriren todos os puntos establecidos no contrato, tal e como ten acontecido nalgún dos partidos anteriores da Irmandiña. Aínda así, fixeron aos organizadores do partido unha nova oferta, que dende Deporte estarían dispostos a estudar de boa vontade. O requisito imprescindíbel para que a alternativa (suxeita a varias cláusulas de penalización) sexa valorada é que chegue a Galiza formulada por escrito este xoves, xa que foi é o día que a Dirección Xeral para o Deporte e a Federación Galega se marcan como límite para tomar unha decisión sobre Chile.

Existe unha alternativa
Deporte ten nestes momentos un compromiso non formalizado con outra selección por se as negociacións con Chile remataran sen entendemento. A formalización deste acordo estase a dilatar por dous motivos, como son: que o combinado sudamericano segue a ser o primeiro candidato e, por outro lado, unha cuestión de prudencia xurídica. Isto quere dicir que se está estudando as obrigas implícitas no contratoo asinado con Media Sports Marketing para que, en caso de rachar o compromiso con Chile quede claro que se fai baixo a responsabilidade da Asociación Nacional de Fútbol profesional chilena ou o Sindicato de Futbolistas.

Esta alternativa está tamén supeditada á volatilidade existente na contratación de partidos amistosos para o Nadal durante estes días.


3,44/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: