As persoas asistentes ao encontro, que terá lugar a quinta feira 18 de decembro, recibirán como agasallo cadanseu libro.
O campo de fútbol da Estrada será este xoves 18 escenario dun partido a prol da lingua. Por unha banda, saltará ao campo un equipo integrado por profesores, adestrado polo escritor Xosé Luna e o mestre Jorge Barros, e pola outra, outro conxunto integrado por funcionarios e políticos do concello. A cita será ás catro e media da tarde.
O concelleiro de Cultura da Estrada, Manuel Sanmartín, explicou que o obxectivo do evento é que os asistentes saquen unha boa impresión sobre a lingua. Para iso, entregaráselles cadanseu libro aos participantes a ao público. Os volumes achegaranos a Editorial Fervenza e a Concellaría de Cultura da Estrada.
Será a segunda edición do encontro, que o concelleiro cualificou de éxito. Como xa se fixera o ano pasado, intervirá unha banda de gaitas, que tocará o Himno. "O importante é pasar un momento agradábel", explicou.