Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Abre a autovía do Barbanza

Padrón-Ribeira en vinte minutos

Estrea con polémica da infraestrutura estratéxica. Alcaldes de PP e BNG falan de eivas no proxecto. Desde o PSOE subliñan a seguridade viaria e o "progreso" que traerá á comarca.

Redacción - 13:45 15/12/2008

Desde este luns a vía rápida que atravesa os concellos de Padrón, Dodro, Rianxo, Boiro, Pobra do Caramiñal e Ribeira convértese formalmente na nova Autovía do Barbanza. Da apertura desta infraestrutura beneficiaranse de xeito directo os veciños dunha comarca que abrangue máis de 80 mil habitantes. A Xunta estima que o tempo medio de viaxe desde Padrón até Ribeira vai reducirse en case a metade, pasando a ser un traxecto de apenas 20 minutos. O presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, e a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, inauguraron a vía que comezara a construírse en outubro de 2006, desdobrando o anterior trazado da vía rápida nun corredor de catro carrís. No despregue, a Xunta investiu 127 millóns de euros. Desde o Goberno sinalan que despois da apertura seguirán aínda diversas obras complementarias "pero que en ningún caso afectarán ao tráfico".

Ao fío son especialmente críticos desde a agrupación comarcal do BNG no Barbanza, desde onde advirten da existencia de moitas deficiencias non solventadas: "accesos impracticábeis sen repoñer, pistas e camiños inutilizados, inundacións de fincas, derrubes de terras por insuficiencia dos muros de contención, falta de barreiras sonoras, cativa implantación da dobre bionda". Son algúns dos déficits polos que argumentan que a foto oficial da entrada en servizo debera adiarse até estar resoltos estes problemas. Por tal motivo, anunciaron que non habería representación do Bloque ao acto oficial de inauguración.

"As múltiples afectacións veciñais que presenta ao longo de todo o seu trazado a día de hoxe entendemos non xustifica facerse foto ningunha pois resta moito por acometer e traballar para entender rematada a obra por parte da concesionaria", afirman. Por este motivo, o propio alcalde nacionalista de Boiro non estivo no acto, ao que tamén rexeitaron acudir os rexedores do PP en Ribeira e da Pobra do Caramiñal.

O PSOE considera que as protestas chegan tarde
Ao respecto das ausencias de representación de PP e BNG na inauguración, o deputado socialista Xosé Manuel Lage Tuñas, cualificou de "sorprendente" o "boicoteo" do acto. "Non fixeran ningún tipo de boicot á vía rápida do Barbanza na que se perderon moitas vidas", afirmou Lage Tuñas.

"Durante máis de doce anos non os vin preparando ningún tipo de protesta nin facendo ningún boicot á vía rápida do Barbanza, se cadra daquela formaban parte da procesión dos caladiños e agora recuperaron a fala", engadiu. Insistiu Lage en que a nova infraestrutura "traerá consigo progreso económico e benestar social".


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: