O cantautor cubano interpretou este sábado xunto ao músico Emilio Batallán os versos 'Do mar pola orela' e 'O Maio'.
O cantautor cubano Pablo Milanés participou este sábado en Monterroso (A Ulloa) nunha homenaxe aos poetas e xornalistas Curros Henríquez e Lorenzo Varela, con motivo do centenario e os 30 anos da súa morte, respectivamente.
Durante a súa intervención, Milanés interpretou xunto ao músico Emilio Batallán os versos Do mar pola orela, dedicados á escritora Rosalía de Castro, e O Maio. Ademais, actuaron Mini e Mero, do grupo A Quenlla, que contan no seu repertorio con outras versións de Curros Enríguez
"Ambos os dous foron poetas, xornalistas e persoas comprometidas co movemento histórico que lles tocou vivir", expuxo o profesor Gregorio Ferreiro, que cualificou os homenaxeados de "grandes humanistas que entenderon que podían contribuír a que o mundo fose mellor".
No acto tamén participou o secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, que agradeceu a presenza dunha "das voces máis poderosas de América Latina e trazou un paralelismo entre a poesía "civil" de Curros Enríquez e a de "combate" de Lorenzo Varela.