Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Galego.org

Xestionado por Vieiros
RSS de Galego.org
ANXO GÓMEZ, PROFESOR EN CARRAL

"As posibilidades de que os nenos xoguen en galego son moi limitadas"

Alumnos de secundaria elaboran un catálogo de xoguetes e outros agasallos que empregan a lingua do país.

I.G.C - 17:00 13/12/2008

Os estudantes do CPI Vicente Otero Valcárcel, en Carral (A Coruña), puxeron todo o seu empeño en elaborar un catálogo de agasallos en galego de cara a este Nadal. Foi un traballo difícil, dunha banda porque a oferta non é moi ampla, e doutra porque os xoguetes galegos non gozan dunha especial visibilidade. Con todo, concluíron que é un labor necesario, xa que eles mesmos só piden aos reis magos aqueles xogos que saen na televisión ou aparecen nos catálogos, unha vantaxe coa que non contan estes divertimentos e unha realidade na que os alumnos aínda non repararan. Así nolo conta o profesor do centro Anxo Gómez, coordinador do proxecto.

Vieiros: Como xorde esta iniciativa?
Anxo Gómez: É unha idea que naceu no traballo diario da clase, normalmente tratamos aspectos sociolingüísticos e tentamos reparar no contraste do uso do galego na aula e na realidade cotiá. Pensamos que podería ser un proxecto interesante elaborar un catálogo de xoguetes que empregasen o galego, á vista de que os que se reparten estes días das grandes superficies comerciais non contaban con ningún agasallo deste tipo. Ademais, como pai, tamén me pareceu interesante ofrecerlle este tipo de información ás familias dos pequenos.

Como foi o proceso de elaboración?
Participaron uns 30 rapaces de terceiro e cuarto da ESO e a iniciativa contou co apoio do Equipo de Normalización Lingüística e o Equipo da Biblioteca do centro. Normalmente tentamos relacionar o traballo da clase coas novas tecnoloxías, co que os rapaces tiñan o encargo de buscar na internet toda a información posíbel. Despois completouse cunha busca tamén nas casas e da recompilación de toda a información. Dende un primeiro momento, involucráronse no traballo e amosáronse moi participativos.

Que dificultades atopastes na busca de xoguetes en galego?
A verdade é que foi complexo. Dunha banda, hai xoguetes moi descoñecidos, fundamentalmente de empresas de fora. Por exemplo no caso dos xogos de mesa, só existe a posibilidade de atopalos coas instrucións, fichas e demais en galego cando incorporan todas as linguas do Estado. Son xeralmente casas vascas ou catalás, mentres que non atopamos ningún explicitamente galego. O certo é que despois descubrimos un no Culturgal que se chama Arcano a xeito de trivial, mais xa non nos deu tempo incluílo nesta edición. Con todo, este foi o único exemplo.

Ademais dos xogos de mesa, cales poderiamos dicir que son as carencias?
Tampouco atopamos videoxogos ou bonecas en galego. Aínda así estamos seguros que moitos xoguetes nos quedaron fora xa que non foi máis que unha aproximación dende un traballo escolar. Aínda así, queremos que nos acheguen colaboracións e repetir o vindeiro ano a experiencia para completar o catálogo. Pola contra, é moito máis sinxelo atopar produtos galegos no eido literario, musical ou mesmo de roupa. Non obstante, malia existir estes produtos, normalmente non son visíbeis, quedan fora de todo tipo de catálogos e só tes acceso a eles se os buscas especificamente, se xa os coñeces previamente.

Cal foi a reacción dos alumnos ao comprobar esta realidade?
Moitas veces faise ver como algo tan normal que estes xoguetes non saian nos rexistros que nin sequera se cuestiona a súa ausencia. Como non hai igualdade na recepción de información, os rapaces tampouco os demandan por igual. Normalmente, os nenos piden o que ven nos anuncios, mais a proba de que terían interese noutros divertimentos é o éxito que tiveron iniciativas en galego como dvd's de Doraemon ou Sin Chan.

Xa persoalmente, cres que habería mercado para xogos galegos?
Eu creo que si, coido que hai un campo a traballar e a desenvolver, porque hai demanda que non ten ningún tipo de resposta. A proba é o éxito que tivo a suba á internet do noso catálogo, que xa recibiu un milleiro de visitas en poucos días.


Ligazóns

4/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Portada do catálogo elaborado polos alumnos de Carral
Portada do catálogo elaborado polos alumnos de Carral
Exemplo de carta aos reis magos que incorpora o catálogo
Exemplo de carta aos reis magos que incorpora o catálogo