O presidente de Esquerra convidou a CiU a un pacto para as eleccións europeas, indicando que non sería incompatíbel cun acordo máis amplo.
Joan Puigcercós, presidente de ERC
"Bruxelas é o novo desafío e o catalanismo pode defenderse en mellores condicións", suxeriu publicamente Joan Puigcercós. O presidente de ERC xa se pronunciara hai tempo a prol da posibilidade de xuntar forzas con CiU cara ás próximas eleccións europeas de 2009 e agora volveu insistir no convite.
Para Puigcercós, a iniciativa non sería incompatíbel coa coalición Europa dos Pobos, o pacto que hai cinco anos uniu para os mesmos comicios a ERC con Eusko Alkartasuna, a Chunta Aragonesista ou Andecha Astur entre outras formacións. O convite chega ao tempo que CiU debate a propia renovación do pacto Galeuscat que nos comicios europeos de 2004 logrou unha lista unitaria de BNG, PNV, CiU, Bloc Valencià e PSM-Entesa. Durante un acto en Galiza o pasado verán, os representantes de Galeuscat xa se amosaron optimistas sobre a posibilidade de repetir en 2009 o acordo.
Poden ampliar en Vilaweb.