Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRESENTARÁ UN DECRETO O VENRES

O Ministerio de Cultura anuncia "subvencións importantes" para os filmes en galego

Nun acto co presidente da Xunta, César A. Molina efectuou a cesión ao CGAI de 50 horas de gravacións do No-Do con imaxes de Galiza.

Redacción - 18:00 09/12/2008

O decreto que César A. Molina presentará este venres no Consello de Ministros servirá para desenvolver a Lei do Cine, aprobada en decembro de 2007, como unha forma de "recoñecemento" e "protección" da cinematografía nas linguas do Estado distintas do castelán. Farase realidade, finalmente, unha axuda económica a estes filmes da que se leva falando máis dun ano e que xa a finais de 2007 se cifraba en 11 millóns de euros anuais, e que se sumaría ás axudas do ICAA.

A Lei do Cine prevé na súa Disposición Adicional sexta que "o Ministerio de Cultura, mediante convenio, concretará os créditos previstos no artigo 36 desta Lei, de forma que a dotación que reciba cada Comunidade Autónoma con lingua cooficial sexa anualmente equivalente á suma de achegas que dita Comunidade destine no exercicio anterior para o soporte e fomento da produción, distribución, exhibición e promoción do audiovisual en lingua cooficial distinta ao castelán. A dotación que reciba cada Comunidade Autónoma non será superior ao 50 % do total das axudas que as empresas audiovisuales residentes en devandita Comunidade reciban do Instituto da Cinematografía e das Artes Audiovisuales no exercicio anterior".

Cesión de imaxes do No-Do
O ministro de Cultura fixo este anuncio nun acto conxunto con Emilio Pérez Touriño para a cesión á filmoteca galega de 50 horas con gravacións do No-Do con imaxes referidas ao país. En concreto trátase da copia dixital de 500 noticiarios realizados entre 1943 e 1981 de 16 horas e media de duración, ademais de 7 horas de 44 números da revista de imaxes e 76 documentais de 18 horas de duración. En total, máis de 50 horas de material audiovisual que chegarán a Galiza en "poucos meses", segundo Molina.

Touriño salientou que a cesión permítelle a Galiza recuperar "imaxes de alto valor documental", que constitúen "un patrimonio histórico" e conteñen "moitas horas de filmación da historia recente da nosa Comunidade". "É a imaxe parcial e deformada da nosa Comunidade, unha caricatura de Galicia ao servizo do sistema de propaganda creado polo franquismo. Pero, ao mesmo tempo, un documento de enorme interese que forma parte da nosa memoria histórica e, a partir de agora, tamén do noso patrimonio", afirmou o presidente da Xunta.

O xefe do Goberno galego comentou que as copias dos fondos do NO-DO que se depositarán en Galiza conteñen tamén filmacións de actos sociais, estampas da época e acontecementos históricos de diversa índole localizados ou relacionados con Galicia "realizados moitas veces por importantes nomes do cine español".


5/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: