Esta sexta feira o colectivo Siareir@s Galeg@s organiza unha mesa redonda coa directora xeral Marta Souto, Fernando Vázquez, Arsenio Iglesias e José Ramón, entre outros.
Imaxe dunha manifestación de Siareir@s, pedindo a oficialidade das seleccións
Comezan as actividades que o colectivo Siareir@s Galeg@s organiza cada ano arredor dos partidos que xogan no Nadal as seleccións nacionais de fútbol -a masculina e máis a feminina- cunha mesa redonda sobre o "Dereito a decidir, dereito a competir" dos nosos combinados.
Á mesa están convidados o ex futbolista e adestrador do Montañeros -equipo de 3ª Galega- José Ramón; os seleccionadores nacionais Fernando Vázquez e Arsenio Iglesias; a directora Xeral para o Deporte, Marta Souto; e o profesor da Facultade de Ciencias do Deporte, Antonio Ardá. Tamén estará presente Diego Bernal, membro do colectivo de seareiros, que este ano escolleu o mesmo lema que o deste debate para poñer en marcha a súa campaña nacional de reivindicación da oficialidade das seleccións galegas.