É a rebaixa máis importante da historia do Banco Central Europeo e pretende reactivar a economía na zona euro.
O presidente do Banco Central Europeo (BCE), Jean Claude Trichet, anunciou este xoves a maior baixada de tipos de xuro na historia do indicador, un 0,75 que deixa o prezo dos cartos no 2,5%, o nivel no que estaban hai dous anos e medio.
Trichet explicou que se trata dunha redución necesaria pola recesión no contorno da Unión Europea. Ao tempo xustificou tamén a decisión no cálculo que o propio BCE realiza para a economía a medio prazo: un agoiro de contracción do PIB na UE de até o -1%. É a terceira redución realizada en apenas tres meses, cun recorte acumulado do 1,75. Así e todo, os respectivos indicadores do Reino Unido e dos Estados Unidos amosan cifras do 2 e o 1%, polo que serían de agardar novos movementos en breve tamén na eurozona.
A tímida reacción nas bolsas este xoves sería evidencia de que os mercados esperan novos xestos por parte da institución central. Un dos contextos onde xa se deixa sentir a evolución da caída dos tipos de xuro está sendo o Euribor, utilizado para fixar as hipotecas no contorno estatal, e que logo dun máximo o pasado mes de xullo, apertando os petos dos cidadáns cun 5,393%, cae agora até o 3,862%.