Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CONCERTO NA FACULTADE DE MEDICINA

Quen tivera vinte anos: volven Voces Ceibes

Subirán todos ao escenario: Benedicto, Xavier, Vicente Araguas, Guillermo Rojo, Miro Casabella, Bibiano, Xaime Barreiro e Tino Álvarez.

Marcos S. Pérez - 09:00 04/12/2008

Os actos comezarán co descubrimento dunha placa na escalinata da Facultade de Medicina, a mesma na que a policía cargou contra os estudantes durante unha asemblea naquel 1968. Xa no Salón de Actos da facultade colocarase outra placa, esta realizada polo escultor Acisclo Manzano. Estarán todos os integrantes orixinais de Voces Ceibes, agás Xerardo Moscoso, que vive en México: Benedicto, Xavier, Vicente Araguas e Guillermo Rojo, que non cantará, e que asiste por primeira vez a un acto de homenaxe a Voces Ceibes.

Estarán Miro Casabella, que se incorporou uns meses máis tarde, no concerto da Sala Capitol, e tamén Xaime Barreiro 'Chuspe' e Tino Álvarez, que entraron uns anos despois no colectivo. Actuará tamén Bibiano, moi vencellado ao grupo, e así mesmo intervirá Alfredo Conde. Entre os asistentes, está confirmada a presenza de Emilio Pérez Touriño e de Vicente Álvarez Areces, presidentes de Galiza e Asturias, e estudantes en Compostela en 1968.

No acto quérense ligar dúas xeracións a través dos presentadores do acto, que será conducido por Manuel Pombo Arias, o mesmo que presentou o concerto orixinal de abril de 1968, e por Bea Méndez estudante na actualidade.

A este respecto, Elías Torres afirmou que o 2008 segue sendo tempo de reivindicacións na universidade. Mentres, Víctor Santidrián, director da Fundación 10 de marzo, dixo na presentación do concerto que "hoxe os tempos son máis complicados, porque antes os inimigos estaban máis claros. Agora resulta máis difícil facerse escoitar ca na ditadura; hai menos altofalantes, ou se cadra hai moitos máis, o que quere dicir que hai moito ruído". Pola súa banda, Ricardo Gurriarán, coordinador dos actos, salientou a importancia de "non quedar ancorados nos cabodanos".

Eu son a voz do pobo (Benedicto)

Deuda Cumprida (Xerardo Moscoso)

En Medicina, hai corenta anos
Con este concerto péchase un ano de homenaxes, de conmemoración dos corenta anos das mobilizacións estudantís de 1968 en Compostela, un ambiente no que agromou a música de Voces Ceibes. Péchase nun dos seus espazos máis importantes: a Facultade de Medicina, escenario de varias asembleas e do primeiro concerto dos Voces Ceibes. Aquel 26 de abril Benedicto cantou Eu son a voz do pobo, Un home, Loitemos e Carta a Fuco Buxán, subiron ao escenario Xavier con Monólogo do vello traballador, María Soliña, Romance incompleto e Longa noite de pedra; Guillermo Rojo con Quen tivera vinte anos, Tirade ao chan os fusiles, A vós irmáns, Señor, eu fun poeta; Xerardo Moscoso con Deuda cumprida e Réquiem Nº II; e Vicente Araguas con Comunión, A cea e Eles non sabían cantar.

"A noticia correra como a pólvora. Para a nosa sorpresa, a da policía e mesmo a das autoridades académicas o paraninfo de medicina estaba a rebentar", conta Vicente Araguas. Máis de dous mil estudantes enchían o recinto, inzado de bandeiras galegas, e moitos máis ficaron fóra sen poder entrar; fóra, onde tamén agardaban os grises. Ao 68 compostelán cumpríalle aínda unha banda sonora, alén do Venceremos Nós que os manifestantes cantaban ao remate das xuntanzas. Había fame de liberdade, e cando Benedicto cantou: Fuco Buxán, non sintes que na Iberia feden a podre os homes e as paisaxes? a sala rachou coa forza dos aplausos.

Xesús Alonso Montero preparou un texto de presentación para o concerto, que se repartiu multicopiado entre o público asistente, e que comezaba dicindo así: "coido que dentro dalgúns anos falarase deste recital como dun feito histórico (...) Dende oxe Galicia ten o que noutros ámbitos menos precarios teñen dende fai tempo: unha canción a altura do intre histórico, unha canción nascida pra desacougar e alumar: unha canción pra acadarmos conciencia dos nosos problemas reales".

Benedicto fala da Compostela de 1968

A música dun tempo e dunha loita social

O 26 de abril non foi unha anécdota, foi o primeiro día dun movemento moi fondo. Como afirmou Benedicto, "a partir daquel día, os boletíns de información da Coordinadora do Movemento Estudiantil comezáronse a facer en galego". De igual xeito, Vicente Araguas definiu en agosto do 70 os obxectivos de Voces Ceibes como a creación dunha "verdadeira conciencia social no pobo galego. O contido das nosas cancións é social e cultural. Pero non é a cultura pola cultura, senón como algo completamente imprescindible para Galicia".

No seu manifesto fundacional, o movemento afirmaba procurar catro grandes obxectivos:
1- Unha nova aportación á cultura musical galega, alimentada até o momento exclusivamente polo folclore
2- Un vehículo máis para revalorizar o idioma galego
3- Unha canción para o pobo e polo pobo, na que se teña presente a súa problemática
4- Un movemento no que resulte ineludíbel o 'compromiso' coa realidade social.

O 15 de xaneiro de 1970 a Brigada de Investigación Social (a social) redactou un completo informe sobre Voces Ceibes. O nivel de detalle do informe revela o infiltrada que a policía secreta estaba na vida da sociedade, e é seguro que moitos axentes asistiras de paisano aos concertos dos integrantes do grupo. O informe cita a integrantes do movemento, para definir os obxectivos da 'Nova Canción Galega': actuación en vilas, fábricas e universidades; fomento de novos intérpretes 'cun mínimo de calidade artística'; e creación dunha música lixeira en galega paralela á nova canción, co propósito de eludir os problemas que a experiencia catalá puxo de relevo". De igual xeito, en 1969 a revista Nova Galicia, editada en París polo PCG, salientaba, nunha reportaxe sobre o grupo, "son necesarias saídas ás aldeas e aos barrios obreiros, onde o pobo e os cantantes estabelecen un diálogo directo (...) Un mundo ábrese ante a Nova Canción Galega, e hai que conquistalo con audacia, con imaxinación".

En ocasións asóciase o tardofranquismo cun relaxamento da represión, cunha situación de ditabranda sen liberdades democráticas pero sen sufrimento. Algo semellante sucede coa versión politicamente correcta do proceso de Transición, perfectamente programada para o ben común. Pero en 1968 estaba aí o Tribunal de Orden Público, o TOP, creado en 1963, a Lei de Prensa de 1966 de Manuel Fraga que seguía impoñendo a censura con mecanismos máis eficaces que a lexislación anterior. En 1963 asasinaron a Julián Grimau, en 1969 a Ruano, o Consello de Guerra de Burgos celebrouse en 1970 e en 1972 mataron a Amador e Daniel. As torturas nas comisarías eran habituais. Cómpre lembralo para outorgar o valor que merece o movemento estudantil de 1968 e o xurdimento de Voces Ceibes. En 1968 España vivía nunha ditadura, nunha das máis duras de Europa en todo o século XX.

Os froitos do movemento
"O gran mérito de Voces Ceibes foi meter a canción en galego na universidade, dándolle dignidade ao noso idioma. A canción en galego estaba moi desvirtuada, sobre todo pola acción da Sección Femenina. E Voces Ceibes foi o disparador dun movemento moi distinto, daquilo que se chamou 'nova canción galega'", di Miro Casabella. Pola súa banda , Xerardo Moscoso afirmaba en 1968 "canto en galego porque é a lingua deste pobo", procurando o "enriquecemento da nosa lingua e cultura, que non están ben vistas pola nosa burguesía".

Por exemplo, o 17 de xullo de 1968, no chamado II Festival gallego de la canción moderna, en Pontevedra, presentouse Benedicto. Decidiu cantar No Vietnam, aínda que a organización lle vetara esa canción, e ademais protestou publicamente polo feito de que o resto de concursantes non empregaran a lingua galega; Benedicto declarou no escenario que el ía cantar "como denuncia contra todos os problemas de abuso de todos os pobos do mundo, en especial os problemas do pobo galego". Foi descualificado do Festival, detido e multado con mil pesetas.

No devandito informe da social apuntáse que unha das consecuencias da aparición de Voces Ceibes fora a "revalorización e popularización" da poesía galega contemporánea", en especial da poesía social, citando en particular a Celso Emilio Ferreiro e a Lois Diéguez. "Voces Ceibes foi un punto de inflexión necesario entre a canción folclórica e a popular, explica Vicente Araguas nun artigo recentemente publicado en Madrygal, onde engade que o grupo "cumpriu un papel cívico para dar expresión pública a anceios que doutro xeito non saltarían ao aire". E conclúe: "Coa democracia, e tras un canto de cisne, opulento e mesmo exquisito, veu a demolición".


4,72/5 (43 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: