Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
80 ANOS DE 'O PORCO DE PÉ'

'Se lle escachasen a testa, en lugar dunha sesada habían atopar un unto'

O I.E.S. Otero Pedrayo acolle un Simposium sobre o libro, co gallo do 80 aniversario da súa primeira edición.

Redacción - 17:15 01/12/2008

Risco explotou en O Porco de Pé todas os instrumentos da sátira para ridiculizar á burguesía, a través dun castelán que chega a ser alcalde nunha vila ourensá a comezos do século XX, Na postguerra, D. Celidonio ascendeu de porco a marrán e chegou a ser alcalde. A parenta inflou coma o fol da gaita. Este luns comeza no I.E.S. Otero Pedrayo un Simposium sobre a obra, da que se cumpren 80 anos da súa primeira edición, realizada por Nós.

No simposio, organizado pola Fundación Vicente Risco, participarán como conferenciantes Arturo Lezcano, Manuel Outeriño, Xosé Manuel Dobarro, Anxo Tarrío, César Morán Fraga, Alva Martínez Teixeiro, Millán Otero, Manuel Forcadela e Delfín Caseiro. Analizarase dende o contexto histórico e social de Ourense durante o período de vida de Risco, até os personaxes, o estilo e a linguaxe da novela.

Francisco Fernández del Riego escribiu que "A novela conserva un valor que poderiamos chamar informativo. Combátese nela -con xusto coñecemento dos círculos sociais dunha cidade galega- a primacía vulgarota de xentes enriquecidas no comercio. E, o compás da súa ascensión económica, mais estraños á terra á que chegaran, cautos e cobizosos, os seus pais polos vellos camiños da arrieiría".

O Porco de Pé é se cadra a obra narrativa máis orixinal e valiosa de Risco, gabada por todos os críticos e investigadores, mesmo con aqueles máis críticos coa ideoloxía do autor, principalmente coa adoptada a partir de 1936, "Risco valerá sempre para explicar o que foi o fascismo castelán" escribiu Manuel Outeiriño, que con todo engade que "Só dende a política da melancolía defendida por Scott Lash poderemos recuperar un día o valor do escritor que nos legou O porco de pé e que gastou tanta imaxinación en inventar unha Galiza moderna. A Galiza de Risco xa case non a hai. Alégrome".

Fragmento de O Porco de Pé
Así como é graxento o corpo, tamén o miolo de D. Celidonio. Se lle escachasen a testa, tiña que ser con pau-ferro e picaraña, en lugar dunha sesada había atopar un unto. Corpo e alma, tanto ten, todo é graxa e manteiga. Don Celidonio é igual por dentro ca por fóra: carne e espírito son a mesma zorza, misturada e revolta, co mesmo adubo de ourego e pemento.

29º cabodano do pasamento de Blanco Amor
O Pen Clube organiza este luns a quinta xornada de homenaxe a Eduardo Blanco Amor, que morreu hai, hoxe, 29 anos. Os actos comezaron ao mediodía no cemiterio de San Francisco, cunha ofrenda e a intervención de Luís González Tosar e do historiador Marcos Valcárcel. Pola tarde celebraráse un acto literario nos Xardíns do Bispo Cesáreo, diante da estatua do escritor. Nel participarán Soedade Muíño, Xosé Luís Díaz Leyes e alumnos do IES Eduardo Blanco Amor.

A revista Pipirijaina vén de publicar no seu último número unha obra inédita de Blanco Amor, titulada Proceso en Jacobusland (Fantasía judicial en ningures). A obra, escrita en Vigo en 1973, aparece nunha edición bilingüe, traducida do galego polo propio autor en abril de 1975. O texto fora censurado do libro Farsas y autos para títeres, publicado en 1976 na colección de teatro "Cuadernos para el Diálogo".


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: