Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
HOMENAXE A MARCOS VALCÁRCEL

Un serán, unha noite en Ourense

Arume dos Piñeiros (arumes.blogspot.com) resume no seu blog a noite que a cultura galega lle dedicou ao historiador ourensán.

Arume dos Piñeiros - 14:48 30/11/2008


Mereceu moito a viaxe entre a neve para chegarmos a Ourense e comprobar o extraordinario calor que incendiou o salón nobre (necesitado, aproveito, dalgúns perentorios arranxos) do Liceo de Ourense coa presentación do seu libro Historia de Ourense e a pechadísima ovación con que os incontables asistentes (o local era claramente escaso para a cantidade de xente que alí había e mesmo podía ter ido) despediron o acto e, sobre todo, o precioso e inesquecible discurso de Marcos de Auria, Valcárcel, Marcos.

Antes diso, un Monxardín, no papel de espléndido, enxeñoso e cariñoso muñidor, foi dando paso ás intervencións, pautadas coa música dun para min descoñecido grupo musical, Os caramuxos, cuxo nome hai que reter na memoria porque contribúe a pensarmos con orgullo o que está a facer en Galicia a xente máis nova.

En primeiro lugar, interviu un contido e obediente Bieito Iglesias, axustado aos cinco minutos esixidos con indubidable autoridade por Monxardín. Non hai que dicir para quen o coñece que fixo rir ao respectable, con esa mistura de tenrura e ironía que fai libre o seu discurso: a narración dunha carreira diante dos grises de Marcos, con cambadela e pantalón rachado, deulle pé para celebrar coa emoción entusiasta das súas palabras toda a súa traxectoria. Despois, falou Suso de Toro, quen manifestou, en breves palabras, a envexa (entendida coma admiración) que sentía pola elegancia (calificativo que logo empregaron outros intervintes) de Marcos. Tras el, tomou o micro, non moi ben preparado para a ocasión, Kristina Berg, quen, nunha intervención moi sentida e chea de lembranzas, abriu o capítulo dos agasallos para Marcos cun retrato de Carlos Casares. Alonso Montero (que está feito un raparigo de oitenta anos) non fixo discurso: limitouse a ler unha epístola dun profesor sardo da Università de L'Aquila na que se gababa a figura de Marcos Valcárcel coma continuador xenuino da xeración nós e nomeábao intima pero poderosamente Cronista da República Galega das Letras. Alonso subscribiu, cunha chiscadela, palabra por palabra as solemnes consideracións do profesor Molteni.

Logo chegou o turno dun Manuel Rivas que ensarillou varias anécdotas e varias citas extraidas para glosar, con indisimuladas bágoas, a personalidade de Marcos. Vino emocionado e escoitei unha voz algo quebrada nas súas fermosas e líricas palabras. Axeitos, en representación da Academia, e Ramón Villares, en representación do Consello da Cultura Galega pero, sobre todo, como confesou, como mestre transformado en discípulo e amigo de Marcos, pecharon as intervencións. Monxardín deu lectura de seguido ás adhesións cun estilo solto, lixeiro, non exento, cando a ocasión o merecía, dunha medida solemnidade: teño que recoñecer que foi un dos momentos máis intensos da noite. Tal vez porque se achegaba o momento dos agasallos (unha escultura de Buciños e retratos de Siro, Pulido e Carrabouxo) e do discurso de Marcos.

En efecto, o clímax da noite chegou co verbo tranquilo, sereno, eu engado perfecto, de Marcos Valcárcel. Rodeado da súa filla Eire e da súa muller (Maureen O'Hara, en palabras de Bieito Iglesias), comezou agradecendo a todo o mundo as mostras de cariño, pero enseguida leu un fermosísimo texto no que, entre lembranzas nada saudosas, cheas de reivindicación (soou un edithpiafián "non teño que arrepentirme de nada") e orgullo, desgranou a súa traxectoria cunha naturalidade e unha oratoria exemplares. Había tempo que non escoitaba eu un discurso tan ben construído, tan ben lido e con tan fondos sentimentos. A resposta do público, que escoitara o discurso nun silencio indescriptible, foi, como dixen, a dunha pechadísima ovación, a dun aplauso rexo e unísono, de varios minutos, os imprescindibles para transmitir ao orador a emoción que sentiamos de estarmos diante dun momento inesquecible.

Non son moi dado as efusións ditirámbicas e aos adxectivos eloxiosos (salvo mitomanías limitadas), pero teño que recoñecer que costa describir ou narrar o de onte sen arrimo das mellores e máis nobles palabras do idioma.
Só me queda mandarlle por este incrible tesouro de internet unha forte aperta para Marcos Valcárcel, para Marcos de Auria, para Marcos.


5/5 (7 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: