O Centro Galego de Música Popular organiza un debate sobre a internacionalización da música galega, este sábado ás sete e media da tarde.
aCentral Folque, Centro Galego de Música Popular, organiza unha serie de mesas redondas baixo a denominación "conversas abertas" na que varios ponentes relacionados co mundo da música falarán sobre diferentes aspectos da realidade artística galega: difusión cultural a nivel internacional e comercial; novas tendencias a explorar; experiencias artísticas de profesionais en activo. Músicos, produtores, comunicadores,... participarán dun xeito distendido e aberto os sábados á tarde na sé educativa de aCentral Folque no parque de Vista Alegre.
Para pechar o ciclo preténdese debater sobre tendencias actuais da música que se fai en Galiza e das súas posibilidades para exportala como produto cultural e comercial. Ponentes de diferentes eidos conversarán desde o seu punto de vista sobre novos camiños que promocionen a música feita desde aquí e para alí. Está orientado a calquera persoa interesada na promoción de eventos, expectativas de exteriorización, management cultural e amantes da música feita en Galiza. Participarán Vitor Belho, Olga Nogueira, Sergio Lago e X. L. Romero.
Ademais falará Óscar Fernández, zanfonista de Bonovo, que explicará o proceso de creación do último disco do grupo, editado hai uns meses, explorando novas posibilidades do folque electroacústico.