Os populares locais anuncian que seguirán adiante coa moción, malia non haber un apoio explícito do partido, mentres desde o PSdeG advirten de que vai contra o pacto antitransfuguismo.
"É un vendido, un pobre miserábel e un sinvergüenza tránsfuga". Así de belixerante se expresaba para a Radio Galega a actual alcaldesa de Mos, María Xesús Escudero, sobre o seu compañeiro de partido Xerardo Alonso. O edil socialista iría facilitarlle ao PP o asalto ao poder local a través dunha moción de censura que os populares rexistraron este venres no Concello. Desfaríase así o reparto saído das urnas en 2007 (PP-8, PSOE-6, BNG-3) que permitira o pacto de goberno entre socialistas e nacionalistas.
Desde a dirección provincial do PPdeG explican que a decisión de presentar a moción foi tomada en exclusiva polo comité local do partido, malia que admiten que desde a executiva do partido tiñan constancia da intención de facelo. O vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela, afirma que a decisión do PP incumpre o pacto contra o transfuguismo e esixe que lle obriguen aos populares de Mos a retirala. De non ser así, a moción levaría a Nidia Arévalo, candidata local do PP, á alcaldía.
Varela pediulle a Núñez Feijoo que "dea orde de paralización absoluta" da moción de censura. Mentres, Nidia Arévalo asegurou que seguirán adiante coa decisión tomada polo comité local, aínda que non teñan o respaldo do partido.