Preséntase un redeseñado servizo que pretende facilitarlles o traballo ás produtoras e dar a coñecer os artistas galegos.
Unha mostra do novo catálogo
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) presentou oficialmente esta cuarta feira o seu novo catálogo en liña, despois dun período de proba na web da entidade. Tamén se dará a coñecer a diferentes entidades relacionadas co mundo da interpretación e nun acto destinado ás empresas do audiovisual e das artes escénicas o 4 de decembro na Coruña, na feira Cultur.gal 08.
O redeseño do catálogo tivo en conta as opinións de directoras e directores de cine, de televisión e de casting. A ferramenta pretende ser útil para promocionar os actores e facilitar o traballo das produtoras. O novo catálogo en liña ten agora a posibilidade de se poder actualizar constantemente e engadir fotos, vídeos ou completar os currículos.
O traballo de posta en marcha do novo servizo contou coa colaboración da Dirección Xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, o Consorcio Audiovisual e mais AISGE. Ademais, o catálogo foi seleccionado para aparecer no libro Web Design by Content 4.0 que se publicará a comezos de 2009.