Eusko Alkartasuna recorda que quen fora presidente da Xunta ostentou importantes responsabilidades de goberno nos últimos anos do franquismo.
O obxectivo é "esclarecer as responsabilidades" de Manuel Fraga Iribarne durante a súa época de ministro de Franco, entre os anos 1975 e 1976. Eusko Alkartasuna non perdoa as declaracións de diferentes dirixentes do PP no que os acusa de manter un vencello con ETA e, ademais de exixir unha rectificación, cargan a man contra o que actualmente é presidente de honra desta formación política.
O partido vasco recorda que Fraga ostentou importantes responsabilidades nos últimos anos do franquismo e nos primeiros executivos logo da morte do ditador, ao tempo que subliñan que en ningún momento "rexeitou o réxime franquista". Así, anuncian que estudarán se, no marco das súas actuacións como ministro, existen delitos imputábeis a crimes contra a humanidade e fan referencia a episodios de represión como o 3 de marzo de Vitoria, os asasinatos de Montejurra ou a imposición de penas de morte a presos políticos.
Finalmente, Eusko Alkartasuna asegura que "non aceptará leccións de democracia dunha formación que ten como presidente de honra a unha persoa co historial de Fraga" e subliña que "está decidida a emprender accións legais contra o PP se non rectifica as declaracións sobre as relacións do partido con ETA".