Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ÁBRESE A VEDA

A centola volve co Nadal

Iníciase a campaña para a captura dun dos mariscos máis tradicionais das nosas costas baixo a ameaza do furtivismo e a importación de exemplares foráneos. 

Redacción - 17:00 24/11/2008

As centolas volveron este luns ás lonxas galegas. Segundo o Plan Xeral de Explotación Marisqueira (DOG do 3 de xaneiro) o período aberto para a súa captura abrangue dende o 24 de novembro até o 31 de decembro. Foron máis de cinco meses de veda e os mariñeiros agardan agora unha boa campaña que, cando menos, supere as cifras do 2007.

Competencia e expectativas
Malia todo, a sombra da crise planea sobre as súas vendas e ameaza con complicar unha campaña que habitualmente salva as cifras de negocio de todo o inverno. Ademais, o furtivismo segue a ser outra das lacras do sector xa que, dunha banda, limita os recursos dispoñíbeis e, doutra banda, as centolas capturadas ilegalmente compiten en vantaxe coas que seguen o procedemento de venda habitual (do barco á lonxa e de alí até os mercados: prazas, restaurantes e demais intermediarios que anteceden ao consumidor).

Outra das dificultades que ten que asumir o sector é a competencia de marisco foráneo. No mercado coexisten exemplares procedentes das nosas rías xunto con outros principalmente importados de Francia (pescados no Canal da Mancha), do Reino Unido e de Escocia. Sobra dicir que estas centolas non teñen a calidade do marisco galego, mais o prezo é máis competitivo. As diferenzas básicas, ademais do sabor, son que as de aquí teñen presenza máis constante de restos de algas e son dunha cor máis verdosa e escura que a de fóra.

Zonas de captura e cotizacións
A veda non se abriu en toda a costa galega. Quedaron fóra desta apertura a Ría do Barqueiro, a Ría de Viveiro, San Cibrao, Burela, Nois, Foz, Rinlo, Ribadeo, Cariño, e Cedeira. Nestas confrarías soamente puideron extraer o marisco dende o 1 de febreiro até o 30 de xuño. Con todo, son as lonxas das Rías Baixas as máis destacadas no volume de negocio da centola, co que se agarda que nos vindeiros días enchan os mercados.

O ano pasado despacharon a este oficio un total de 409 barcos en toda Galiza. Un dos concellos máis implicados na súa captura é o do Grove, onde mesmo se celebra unha festa gastronómica na súa honra. O Morrazo, pola súa parte, é outra das zonas salientábeis na venda de centola: en Bueu é o produto máis importante despois do polbo, a navalla e o percebe. Por exemplo, en 2007 (que foi unha campaña mala) recolléronse 5.611 quilos con 69.541 euros de volume de negocio rexistrado na lonxa. Haberá agora que agardar a ver como se dá a campaña e como se comporta o mercado. Como mostra, o pasado ano no Grove o primeiro día de apertura da veda acadou un prezo de 23 euros por quilo para os exemplares máis cotizados (femias, de bo tamaño e bo peso). Con todo, a variación de prezos fai que os mariñeiros recorran a estratexias como conservar stocks de centolas amarradas baixo o mar mentres agardan custos maiores. Para comprobar diariamente as cotizacións nas diferentes lonxas do país pódese visitar a seguinte web: pescadegalicia.com.

Moitos nomes para o mesmo manxar
Dende o español "centollo", o catalán "cabra de mar" ou o o "txagurro" vasco, a centola recibe diferentes nomes ao longo da península. Dentro de Galiza tamén coexisten diferentes denominacións populares: araña, cangrexa, sentola... Ademais, o macho pode recibir o nome de cáncamo ou cáncaro, en función das zonas.

Mais os nomes non rematan aí: en función do tamaño do exemplar a denominación tamén pode variar: as pequenas (600 – 700 gramos) reciben o nome de bruño (moi común no Morrazo), brou, pateiro (na zona norte) ou rañado; en función da calidade ou da cantidade de comida que inclúen os exemplares pode recibir o nome de caldeira (estaría baldeira de contido), é un farol (Morrazo) ou foleira.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: