Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Cara á concentración das entidades

A OCDE insta o goberno español a facilitarlles ás caixas fusións "interrexionais"

Unha integración Caixanova-CajaBurgos ou CaixaGalicia-Cajastur sen que a Xunta puidese dicir ren? A reforma lexislativa en proceso podería permitir operacións similares.

Redacción - 13:30 20/11/2008

Contámoslles hai semanas de que os movementos para a reforma lexislativa no ámbito das caixas de aforro contemplan, entre outras cousas, que o goberno español poida reservarse o dereito a pilotar os procesos de fusión das entidades. Unha posibilidade que, de ir adiante, quitaríalle á Xunta o poder para autorizar a potencial unión das dúas entidades galegas, Caixa Galicia e Caixanova, trasladándolle o protagonismo ao ministerio de Economía.

A Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económico (OCDE) pronúnciase ao respecto deste marco legal no seu último informe económico, onde suxire a supresión do modelo actual no Estado onde é o goberno autonómico correspondente quen ten a capacidade de autorizar ou non os procesos de fusión. É un dos apuntes do estudo, onde por outra parte subliña que a banca estatal amosa unha situación máis favorábel que noutras zonas de Europa á hora de enfrontar a conxuntura económica. De xeito concreto, a OCDE considera que, comparativamente, as perdas vencelladas ao negocio inmobiliario poderán ser asumidas de xeito máis eficaz.

No que lle toca aos procesos de fusión das caixas, a posición da OCDE vai na liña do que se expuxo recentemente desde o contorno da propia Confederación Española de Caixas de Aforros (CECA). Aproveitando o borrador en proceso para a modificación da Lei de Órganos Reitores das Caixas de Aforros, a CECA fai presión para que os cambios vaian máis aló da propia redución do peso político nos órganos de xestión das entidades. Deste xeito, pretenderían que as fusións fosen aprobadas en exclusiva polo Banco de España e o Ministerio de Economía. A maiores, a reforma abriría a porta para as chamadas fusións "interrexionais", facilitando a unión de caixas vencelladas a diferentes comunidades autónomas.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: