Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Dunha poboación de entre 105 e 130

Sete osos cantábricos morreron nos últimos anos por comer cebos envelenados

A Fundación Oso Pardo e Medio Ambiente asinan un convenio para concienciar os escolares da importancia de preservar esta especie.

Redacción - 19:45 19/11/2008
Pegada de oso

Pegada de oso

O presidente da Fundación Oso Pardo, Guillermo Palomero, afirma que nos últimos anos sete exemplares desta especie apareceron mortos na Cornixa Cantábrica -un dentro do territorio administrativo galego- por culpa da colocación de cebos envelenados.

Aínda que en principio o obxectivo destes cebos non parece que sexan os osos, Palomero alertou de a súa colocación provoca un "auténtico masacre" nesta especie en vías de extinción -e noutros carnívoros ameazados como os boitre ou o lobo-, tendo en conta que o número total de exemplares de oso cantábrico se sitúa entre os 105 e os 130.

Celebrou, neste senso, a decisión da Fiscalía do TSXG de abrir unha investigación sobre o seu uso en Galiza.

Guillermo Palomero informou de que nos últimos anos os montes de Navia de Suarna, Cervantes, Folgoso do Courel e Pedrafita recibiron a visita de polo menos tres exemplares de oso pardo, ademais da femia residente nos Ancares que xa trouxo ao mundo dúas camadas.

Proxecto 'Pegada'
A Fundación Oso Pardo e a Consellaría de Medio Ambiente asinaron esta cuarta feira un convenio para pór en marcha un programa de educación ambiental, Huella (Pegada), que ten por fin concienciar os escolares sobre a importancia de preservar esta especie.

O proxecto está dirixido ás crianzas dos municipios de Cervantes, Navia de Suarna e Pedrafita do Cebreiro (Os Ancares) e Folgoso do Courel (Quiroga), e inclúe actividades encamiñadas a dar a coñecer as características do oso cantábrico, o seu hábitat e os seus problemas de conservación.


4,83/5 (6 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: