Xa pode consultarse en internet un conxunto de pezas da obra de Castelao procedentes do fondo preservado no Museo Provincial de Pontevedra.
Arriba os probes do mundo (1937)
A Deputación de Pontevedra realizou un catálogo de fondos dixitalizados da obra de Castelao preservada no Museo Provincial, que consta dun total de 1.611 pezas, das cales 1.549 son debuxos. A peneira pódese visitar na páxina web do centro museístico, no enderezo Catálogo Castelao.
Os debuxos corresponden a títulos como "Álbum e debuxos de Bretaña", "Álbums de Guerra", "As cruces de pedra en Galicia e na Bretaña", "Cousas da vida. As mulleres", "Debuxos de negros", "Diario de 1921", "Os dous de sempre", "Cousas da vida. Os homes" e "Os vellos non deben namorarse". Entre os debuxos catalogados figuran caricaturas, carteis, retratos de cegos, emigrantes, músicos e anciáns, así como paisaxes, máscaras e temas marítimos e relixiosos. O acceso a estes fondos dixitalizados realízase a través de sinxelas buscas que permitirán contemplar polo miúdo cada unha das pezas mediante un sistema de reprodución fotográfica.
Na presentación do catálogo, o presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, definiuno como "un instrumento fundamental e imprescindíbel" para as persoas interesadas en coñecer a obra do intelectual galeguista, "dende a curiosidade ou a investigación". Louzán explicou que se trata dun método "moderno" e "introducido nos mellores museos do mundo". A escolma será ampliada no futuro, segundo avanzou o presidente do ente provincial.